Renóvase o programa informático para xestionar as achegas da veciñanza, a través dun convenio co Concello de Barcelona, que xurde da colaboración iniciada no pasado mandato
A Marea Atlántica celebra que o goberno local manteña a folla de ruta trazada durante o mandato de Xulio Ferreiro, e opte por renovar o programa informático para o control de Suxestións e Reclamacións da cidadanía. Isto farase a través dun convenio co Concello de Barcelona de Barcelona para poder compartir o seu programa informático de Suxestións e Reclamacións, desenvolvido en software libre, grazas a unha colaboración iniciada polo goberno da Marea Atlántica.
“Será necesario adaptar o software e adaptalo ao galego, pero o cambio suporá unha mellora notable na xestión das suxestións e reclamacións, que actualizará despois de décadas, para ser máis rápida e eficiente. Ademais, servirá para actualizar o regulamento asociado, e reducir trámites burocráticos innecesarios”, sinala a concelleira Claudia Delso, responsable de Participación no goberno anterior.
Este convenio con Barcelona significa, ademais, desbotar definitivamente o plan que o PP de Carlos Negreira vinculara á súa Smart City, que pasaba por mercar un software privativo, cun prezo elevadísimo e que tería atado sen remedio a xestión de información do Concello aos intereses monopolítisticos dunha empresa privada. Por iso, a través da colaboración municipalista, optouse por unha alternativa aberta e menos gravosa para as arcas municipais.
A aposta da Marea Atlántica polo software libre
Durante o pasado mandato, desenvolvéronse iniciativas semellantes de colaboración municipalista e aposta polo software de código aberto, coma a creación do programa que se emprega para xestionar os Orzamentos Participativos, xurdido tamén da colaboración con Barcelona. Ou do proxecto Cidades Abertas, financiado por Red.es en colaboración con Madrid, Santiago de Compostela e Zaragoza.