Saltar ao contido

Mantivemos unha xuntanza co Comité de Empresa de Alvedro, que denuncia a perda de entre o 45% e o 50% das viaxes, o que pon en risco 200 postos de traballo directos e 500 indirectos

María García e Alberto Lema denunciaron que a perda de voos, comezando pola conexión con Londres, está a ser moito maior na Coruña que noutros aeroportos: “A pandemia non é escusa”. No vindeiro Pleno preguntaremos polo traballo do goberno do PSOE.

As voceiras municipal e provincial da Marea Atlántica, María García e Alberto Lema, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa do Aeroporto de Alvedro, comezando polo seu presidente Gustavo García Abelleira, acompañado por Emilio Aguado e Pedro Alcalde. En rolda de prensa, as concelleiras da Marea denunciaron a situación crítica que está a vivir o aeródromo e a falta de iniciativa e compromiso por parte do goberno municipal. O resultado é a perda das conexións con Londres, Málaga (xa o ano pasado) Valencia e Bilbao, e a redución de frecuencias nas principais liñas, sobre todo a primeira hora da mañá e última da noite.

Como resumiu María García, “Alvedro rematou 2019 cunha marca histórica de 1,3 millóns de viaxes, un 10,3% máis ca o ano anterior, e 44 meses consecutivos de mellora. Pero desde aquela só está a recibir malas novas e perda de voos e servizos. A pandemia ten un impacto obvio, pero en Alvedro está a ser maior que en calquera outro aeroporto da contorna, e iso débese á parálise do goberno municipal”. Engadiu, ademais, que o aeroporto é unha infraestrutura decisiva para a economía da área metropolitana coruñesa”.

Difícil recuperar a cobizada conexión con Londres

Pola súa banda, Alberto Lema anunciou que a Marea Atlántica preguntará no vindeiro Pleno polas xestións do goberno municipal para manter as conexións en Alvedro, xa que “o único que estamos a ver é a marcha de Volotea e o seu voo a Bilbao, e a sinatura dun convenio de 900.000 euros con Vueling, asinado coa nosa oposición, e que só serviu para perder frecuencias e conexións, incluíndo o enlace con Heathrow, un dos aeroportos internacionais máis importantes do mundo”. Lema advertiu que a perda da conexión londiniense, será difícil de recuperar dado o gran número de aeroportos interesados en competir por ela.

“En precampaña, Inés Rey dicía que os resultados de Alvedro eran insatisfactorios, nun ano no que se batían marcas. Agora, tras 14 meses do seu goberno, Alvedro está sufrindo a crise máis que outros aeródromos galegos, e iso é porque o goberno da Coruña actúa con absoluto desleixo en todo o relacionado con Alvedro”, sentenciou Alberto Lema.

Efecto no emprego directo e indirecto

Xuntanza co comité de empresa de Alvedro
Fotos: Sandra García Rey

O presidente do Comité de Empresa, Gustavo García Abelleira, sinalou que “a boa saúde de Alvedro é decisiva para a recuperación económica da comarca, por mor das conexións de negocios”. Sinalou que desde o comezo de 2020, o aeroporto está a perder entre o 45% e o 50% de persoas usuarias, o que pon en grave risco os 200 empregos directos e 500 indirectos do aeródromo. “Dentro do emprego directo, nestes momentos hai 70 persoas en ERTE que non saben se volverán ter traballo. 30 delas afectadas pola perda do avión de Vueling con base na Coruña”.

García Abelleira reclamou axuda para recuperar os voos que existían antes do estado de alarma, “dándolle a maior prioridade á conexión con Londres, que era unha referencia en toda Galicia, empregado por moitas empresas con proxección internacional. Non ten sentido dicir que se perde por mor das restricións do goberno británico, xa que os voos desde outros aeroportos estanse a manter”. Tamén reclamou o regreso dos avións de Iberia e Vueling con base na Coruña, que ademais de xerar emprego directo, permiten as conexións a primeira hora da mañá e última da tarde, as franxas máis interesantes para os voos de negocios.

A situación en Alvedro é crítica e o goberno municipal non está a facer nada