O candidato da Marea Atlántica comprometeuse a traballar para que Someso vexa rematada a urbanización, conte con recollida de lixo e servizos básicos, e mesmo coas súas propias festas
Unha sentenza xudicial de maio de 2019 confirma que os promotores están obrigados a rematar a urbanización e dotar de servizos básicos a Someso, pero o goberno de Inés Rey non a fixo valer en catro anos de mandato
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, participou hoxe no programa Crunia Fala, da radio comunitaria Cuac FM, que se centrou nos barrios periféricos da Coruña e foi emitido desde o centro comercial Espacio Coruña, en Someso. Desde alí, asegurou que “no vindeiro mandato, xa coa Marea Atlántica no goberno, temos que rematar a urbanización de Someso, para que se converta nun barrio, con todos os servizos e todos os dereitos”.
Xan Xove criticou que vinte e cinco anos despois do seu planeamento, Someso continúe a ser un barrio sen rematar, no que xa viven centos de persoas, pero carece de servizos básicos como a recollida de lixo, porque as inmobiliarias que forman parte da xunta de compensación non cumpriron as súas obrigas. “O proceso estivo moito tempo xudicializado, pero xa existe unha sentenza do TSXG, do 10 de maio de 2019, que deixa claro que son os promotores quen deben rematar as rúas e os servizos de Someso, antes de trasladarlle a titularidade das súas ao Concello. Pero remataron os edificios, venderon os pisos que puideron, e saíron correndo”.
Esa sentenza chegou nos últimos quince días do mandato de Xulio Ferreiro. Inés Rey tivo catro anos para esixir que se executase, e existe un acordo da Xunta de Goberno Local de 2021 que tamén o respalda, pero non o fixo, porque “xa estamos a ver en Visma, nas Percebeiras e en moitos outros lugares que esta alcaldesa prefire defender os intereses das promotoras antes que os da veciñanza”, afirmou o noso candidato á Alcaldía. O goberno do PSOE non só renunciou a esixirlle responsabilidades aos culpables do desastre, que teñen carné do mesmo partido, senón que deixou sen cubrir as necesidades básicas da veciñanza.
Por iso, a urbanización terá que rematarse no vindeiro mandato, “e temos que esgotar todas as vías para que as empresas da xunta de compensación cumpran coas súas obrigas. Temos que darlle a Someso os servizos básicos aos que as súa veciñanza ten dereito, e mesmo integralo na oferta cultural da Coruña, coas súas propias festas e presenza na programación municipal”.