Saltar ao contido

A Coruña e Barcelona, primeiros concellos pola despatoloxización trans. Únense á campaña internacional para reclamar que sexa retirada da clasificación de enfermidades da OMS

Como sociedade, temos que facer o posible porque se produza un cambio de mentalidades profundo que permita que a diversidade e o dereito ao propio corpo sexan algo real

 

Coincidindo co Día Internacional de Acción pola Despatoloxización Trans, que se celebrou o  24 de outubro, os concellos da Coruña e Barcelona asinaron o Manifesto da Rede Internacional STP (Stop Trans Pathologization), iniciativa que pretende que se retire a transexualidade da Clasificación Internacional de Enfermidades da OMS. A campaña, que arrinca no ano 2012 desde unha rede internacional de entidades e colectivos, pretende incidir no marco de políticas en materia de saúde para cambiar a perspectiva médica e legal que xestiona a identidade sexual e de xénero.

A día de hoxe, a diagnose da denominada “disforia de xénero” é imprescindible se se quere acceder ás cirurxías ou tratamentos hormonais no estado español, pasando a ser decisión dun psiquiatra en troques de ser unha escolla persoal. Este feito é parte das violencias que as nosas sociedades infrinxen ás persoas transxénero e transexuais, que non poden decidir por si mesmas e teñen que se someter a unha sorte de xuízo médico para poder ter acceso ao cambio de identidade sexual desexado. Ademais, a necesidade de encaixar dentro dun código de xénero binario para non caer na marxinalidade é, moitas das veces, o que obriga a pasar por procesos de reasignación sexual. Isto pode entenderse mais como consecuencia dunha patoloxía social que como unha enfermidade da persoa trans.

STP_Poster_2015esEste enfoque afecta tamén ás persoas intersexuais, que son sometidas a tratamentos de “normalización binaria” para encaixar nun dos dous sexos aceptados como “normais” pola cultura hexemónica, a maior parte das veces sendo menores e sen ser plenamente conscientes do proceso. A institución médica considera a necesidade da mutilación xenital e de agresivos tratamentos hormonais cando o individuo intersexual aínda acaba de nacer.

Na maior parte dos casos, a falta de información das familias deixa a decisión en mans da ciencia, que cataloga sistematicamente estes casos coma “enfermos”. Esta patoloxización de corpos sans responde a unha lóxica binarista que invisibiliza e maltrata aos individuos que non encaixan nas limitadas categorías de home e muller, definicións identitarias da orde cultural dominante que deixan fora calquera outra realidade. As cirurxías e tratamentos, xustificados para paliar posibles consecuencias psicolóxicas, poden provocar serios problemas de saúde que, de seren aceptados como son, nunca terían que afrontar.

Somos responsables como sociedade facer o posible porque se produza un cambio de mentalidades profundo que permita que a diversidade e o dereito ao propio corpo sexan algo real. A Concellería de Igualdade e Diversidade da Coruña comprométese a dar visibilidade e sensibilizar á cidadanía en torno a estas problemáticas, que non só afectan as persoas trans e intersexuais, senón á maneira na que entendemos a identidade sexual e de xénero como comunidade.

Ser trans non é unha doenza