María García: ”Instamos a alcaldesa a reflexionar: imos comezar 2023 sen orzamentos e cun goberno distraído na súa enésima reestruturación”
A Marea Atlántica celebra que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirme que o nomeamento da concelleira de Deportes foi unha decisión ilegal da alcaldesa Inés Rey, por amparar un caso de transfuguismo. E tras coñecer a sentenza, feita pública hoxe mesmo, instamos a rexedora a reflexionar sobre a situación do Concello da Coruña.
“Confírmase que a alcaldesa cometeu unha ilegalidade ao integrar no seu goberno a unha tránsfuga. A Marea Atlántica denunciouno dende o primeiro minuto e queda claro, por segunda vez, que tiñamos razón. Inés Rey ten que reflexionar: imos comezar 2023 sen orzamentos e cun goberno distraído na súa enésima reestruturación”, sinala a nosa voceira.
A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo administrativo do TSXG confirmou deste xeito a sentenza da primeira instancia, e confirma que unha concelleira non adscrita non pode ter responsabilidades de goberno nin percibir un salario superior ao que terían de non ter cometido transfuguismo e abandonado o grupo co que se presentaron ás eleccións. Así figura de xeito moi claro na Lei de Bases de Réxime Local, no seu artigo 73.3 e así o ratifica a xustiza por segunda vez.