A voceira da Marea Atlántica sinalou que o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia senta precedente para combater calquera violación da vontade popular, tamén en casos coma o de Sada
O intento da alcaldesa de reforzar o seu equipo en minoría cunha ex-concelleira de Ciudadanos rematou na enésima crise de goberno: a única alternativa a este caos pasa pola Marea Atlántica
A voceira da Marea Atlántica, María García, afirmou hoxe en declaracións ante os medios de comunicación que a sentenza do TSXG na que se anula o nomeamento de Mónica Martínez como concelleira de Deportes, por ser un caso de transfuguismo, é “un fito para a causa da rexeneración democrática, que senta precedente, e demostra, como sempre defendemos, que a decisión da alcaldesa de fichar a ex-concelleira de Ciudadanos foi ilegal”.
Sinalou que este fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vai moito máis aló do caso concreto do goberno de Inés Rey na Coruña. Senta as bases para combater situacións similares ou peores, coma a que se dá en Sada, onde unha coalición de tránsfugas desaloxou a Benito Portela, un alcalde elixido democraticamente. “Será importante para reforzar o pacto antitransfuguismo e combater calquera violación da vontade popular”, engadiu a nosa portavoz.
María García celebrou o resultado da sentenza e afirmou que “na Marea Atlántica estamos orgullosas de ter defendido esta causa en solitario desde o primeiro minuto”. “Hoxe case todo o mundo se suma ao carro, agás quen ten vergoñas semellantes que ocultar. Dámoslles á benvida á loita contra o transfuguismo, pero até agora ninguén abrira a boca para chamarlle ás cousas polo seu nome”, afirmou a concelleira.
Fin de etapa para o goberno local
Por outra banda, García argumenta que o cese da ex-concelleira de Ciudananos supón a fin dunha etapa para o goberno de Inés Rey, pois “o seu nomeamento en setembro de 2020 non foi un suceso illado, senón que formaba parte dun plan do PSOE coruñés para reforzar o seu goberno minoritario esquivando a vontade cidadá expresada nas urnas, que lle da á Marea Atlántica un papel decisivo na gobernabilidade”.
“Agora demóstrase que esa era unha vía morta. Que só hai unha alternativa a este caos dun goberno en constante reorganización, nunha crise tras outra, que sempre rematan coa Alcaldía acumulando competencias sen sentido. Só hai unha alternativa a ver como o Concello da Coruña protagoniza portadas por ter sentenzas xudiciais en contra. E esa alternativa era e segue a ser a Marea Atlántica”, afirma a nosa voceira.
Ademais, a sentenza do TSXG complica a situación de bloqueo na que se atopa o goberno municipal, que a unha semana de rematar o ano chega sen proxecto de Orzamentos 2023, cunha baixísima execución das contas de 2022 e con moreas de acordos clave sen cumprir, pese a que poderían dar resposta a problemas acuciantes para a veciñanza, coma o encaremento da vivenda e a alimentación.
Dez propostas para abrir unha negociación orzamentaria
“A 22 de decembro nin sequera coñecemos as propostas de Inés Rey. Non hai ninguhna negociación aberta. Onte o BNG anunciou que xa renuncia a que A Coruña teña Orzamentos, semella que non teñen nada que propoñer para 2023. Non é o caso da Marea Atlántica”, argumentou María García. E engadíu que “a nosa resposta ante a parálise da alcaldesa foi presentar onte dez propostas para abrir unha negociación, dez oportunidades para que Inés Rey demostre que ten vontade de diálogo e está disposta a ceder polo ben da cidade. A pelota está no seu tellado”.