O Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea, nunha interpretación restritiva da norma, mantén a concesión do transporte público ata 2024 

O goberno de Xulio Ferreiro tentou finalizar o contrato outorgado a dedo en 1986, e substituílo por outro con mellores condicións para o servizo público, pero fíxoo con todas as garantías xurídicas 

O grupo municipal da Marea Atlántica, ante a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da UE relativa ao fin da concesión do transporte público na Coruña, lamenta que a sala optase pola interpretación máis restritiva da norma e non ampare a caducidade dun contrato outorgado a dedo en 1986 á Compañía de Tranvías e prefira mantelo ata 2024. En todo caso, cómpre acatar o fallo e lembrar que o goberno de Xulio Ferreiro actúo con garantías e na procura do ben común. Este fallo non afecta á redución das tarifas do bus, que segue vixente, e respaldada por un informe da Comisión Nacional de Competencia.

O Regulamento Europeo sobre os servizos públicos de transporte indica que as concesións outorgadas sen concurso público non poden durar máis de 30 anos. Por ese motivo, en 2016 o anterior goberno municipal declarou extinguido o contrato coa Compañía de Tranvías, asinado en 1986 sen máis criterios que a vontade de Francisco Vázquez. É un contrato extremadamente favorable á empresa, que logra obter uns beneficios 30 veces superiores aos da compañía de transporte público que presta servizo en Vigo.

Foi unha oportunidade para substituílo por outro contrato con máis garantías e mellores condicións para o Concello e a veciñanza da Coruña. Porén, a Sala 20 do TXUE decidiu hoxe que ese prazo de 30 anos conta a partir da publicación do regulamento, non da sinatura do contrato, polo que a concesión a Tranvías extinguirase cando estaba previsto no acordo inicial co Concello, en 2024.

A sentenza recoñece a validez dos argumentos do Concello

Porén, ante a elevación do asunto ao Tribunal Superior de Xustiza da UE, o goberno da Marea Atlántica optou por deixar en suspenso a decisión de rematar coa concesión mentres non se producía o fallo xudicial, actuando así con responsabilidade na defensa do interese xeral da cidadanía e do Concello. Foi unha medida que o executivo local tomou de oficio, antes de que o solicitara a Compañía.

A propia sentenza publicada neste 19 de marzo recoñece no seu apartado 18 que a normativa se prestaba á interpretación efectuada polo Concello, xa que en 2016 non existía xurisprudencia en contra.  E no seu apartado 21 engade que a propia Comisión Europea defendeu que a conta dos 30 anos comezara no momento da sinatura do contrato, ata que o Tribunal optou por un enfoque máis restritivo.

A baixada das tarifas do bus segue vixente

En todo caso, a baixada das tarifas do bus que se aplicou en febreiro de 2019, a primeira en décadas, continúa vixente. Foi unha decisión baseada nun informe da Comisión Nacional da Competencia, que consideraba excesivo o beneficio da Compañía de Tranvías. E no seu tempo de implantación, os autobuses urbanos da Coruña rexistraron marcas históricas de viaxes e uso do transporte público.

Aínda así, a Compañía de Tranvías levou esta rebaixa do billete aos tribunais, nun procedemento separado que aínda agarda a súa resolución.