Na Comisión de Urbanismo non se trasladou ningún dos acordos en materia do dereito á vivenda, pendentes desde decembro de 2021
Desde o grupo municipal da Marea Atlántica temos que lamentar que o goberno local convoque o Pleno do mes de setembro, unha vez máis, sen introducir unha soa medida de vivenda na orde do día e sen avances no cumprimento do acordo a prol do dereito á vivenda ao que chegamos hai xa nove meses. Esta mañá rexistramos unha batería de preguntas ao respecto.
“Tras celebrarse hoxe a Comisión Informativa de Urbanismo previa ao Pleno, quedou claro que non se trasladan avances na construción de vivenda pública, nin aumento do parque de vivenda municipal, nin regulación dos pisos turísticos, nin nada relacionado. Outra oportunidade perdida mentres aí fora é cada vez máis difícil pagar un alugueiro”, sinala Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica.
A Marea Atlántica abstívose hoxe nos dous asuntos que si se tramitaron na Comisión de Urbanismo, o cambio de uso de parcelas propiedade da Xunta no ámbito do CHUAC e a aprobación definitiva da ordenanza de rehabilitación. Reservamos o sentido do voto nestas materias ata a celebración do Pleno, e reclamamos que se atenda ás necesidades da veciñanza na urxente cuestión do dereito a un teito propio.
Iago Martínez lembrou que no Orzamento deste ano hai nove millóns de euros reservados para políticas públicas de vivenda, que á altura de se tembro están aínda sen tocar. “Parécenos grave, porque a cuestión da vivenda debería ser unha prioridade para calquera goberno decente. Estanse a multiplicar os prezos dos alugueres e os pisos de uso turístico, mentres a mocidade e os colectivos vulnerables teñen cada vez máis difícil atopar un fogar que poidan pagar. O equipo de Inés Rey débelle unha explicación á veciñanza”.