Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “A negativa do PP a ofrecer explicacións serias sobre o que investiga a xuíza De Lara supón un desprezo á cidadanía da Coruña”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña pide que “Negreira e Calvo non se agochen e asuman as responsabilidades políticas dun escándalo que dana a imaxe do Concello, ao que se lle cualifica como axencia de colocación”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, valorou como “moi negativo” que “desde o PP non se ofrezan explicacións serias sobre as responsabilidades políticas que se derivan do Caso Pokémon e do novo auto da xuíza Pilar de Lara, que por medio de Vixilancia Aduaneira solicita datos fiscais do señor Negreira ou do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, que seguen a ocultar o que ocorre e teiman nunha opacidade que supón un desprezo á cidadanía, que ten dereito a unhas institucións transparentes”.

“Máis da metade da Xunta de Goberno Local está a ser investigada nos xulgados, nun caso que tamén afecta á súa contorna, ao titular da Deputación, a un ex-conselleiro da Xunta, a cargos de empresas municipais ou a varias privadas. Na Marea temos claro que hai que ser respectuosos co proceso xudicial, pero vistas as evidencias que saen de conversas telefónicas ou computadores existen unhas responsabilidades políticas que o PP, así como todos os afectados por esta instrución, ten que asumir. E, desde logo, o primeiro paso imprescindible é o de ofrecer explicacións serias no canto de agocharse en medio dun escándalo que dana a imaxe da Coruña e do seu Concello, que nos autos aparece citado como unha axencia de colocación”, afirma Ferreiro, que considera “indignante o ambiente político que se vive na cidade, en Galicia ou no Estado, onde cada día saen á luz actuacións presuntamente irregulares nas que o PP de Bárcenas ou a Pokémon adoita aparecer retratado. Vai sendo hora de abrir as ventás e que corra o aire, como defendemos na Marea Atlántica, cun esixente Código Ético e propostas dirixidas a que a cidadanía dispoña dunha lupa coa que xulgar calquera decisión institucional”.

Nesa liña, Ferreiro considerou “tristemente significativo que case á vez se coñezan os datos dunha EPA que indica que continúa a destrución de emprego na cidade, e que desminte esa suposta recuperación económica da que fala o PP, e tamén se faga público un auto xudicial que apunta á existencia dunha rede de enchufes e favores para unha minoría, namentres a maioría social segue agredida por unha política que non ten ás persoas como prioridade”.

Sen explicacións serias da Pokémon