María García: “O goberno municipal comprometeuse a rebaixar un 50% as taxas da auga e o lixo mentres existan restricións sanitarias. É hora de cumprilo”
Xunta e Concello deben coordinarse cando antes para habilitar unha nova liña de axudas ante as novas medidas sanitarias. Son necesarias para protexer a vida e a saúde, pero non pode haber restricións sen compensacións.
Feijóo di que “non hai máis contaxios nos bares que nas reuninos familiares”, pero mantén o peche encuberto na hostalería. O sector precisa un plan de rescate con urxencia
A Marea Atlántica lamenta que a Mesa de Diálogo entre todos os grupos municipais e representantes da hostalería e o comercio rematase hoxe sen acordos nin compromisos concretos para estes sectores especialmente golpeados pola crise. A nosa voceira, María García lembra que hai un mes que o PSOE pactou esta convocatoria, e solicítalle que cumpra o resto do acordo, implantando as bonificacións fiscais antes do 31 de xaneiro.
O acordo asinado pola Marea Atlántica e o PSOE esixe que antes de fin de mes estean habilitadas as novas bonificacións fiscais: 50% nas taxas da auga, recollida de lixo e saneamento para pemes, micropemes e autónomos da hostalería, o comercio e a cultura mentres existan restricións pola pandemia. E 100% de bonificación cando se vexan obrigados a pechar por motivos sanitarios.
A nosa portavoz volveu lembrar que hai centos de pequenos negocios na Coruña que seguen a agardar polas axudas do plan de choque municipal desde o mes de xullo, e reclamoulle ao goberno de Inés Rey que as resolva dunha vez. “Non ten sentido que as administracións sigan a reclamar impostos e recibos a quen non pode manter a súa actividade, e sexan tan lentas á hora de compensar.
Na mesma liña, solicítalle ao goberno municipal “que lle dea continuidade e estrutura a este foro, para manter unha interlocución fluída co sector, en lugar de convocalo só un día para a foto”.
García tamén trasladou o noso apoio á proposta da Asociación de Hostelería de A Coruña, para crear un fondo de cooperación conxunto entre a Xunta, a Deputación e os Concellos, análogo ao que se presentou esta semana en Valencia. “Sería unha forma de simplificar os trámites e as solicitudes, e unir forzas entre distintas administracións para axudar a quen máis o precisa. É unha boa idea, se se tramita coa suficiente axilidade”.
Valoración das novas restricións sanitarias
Doutra banda, lamentamos que, unha vez máis, Alberto Núñez Feijóo esquecese hoxe que as restricións sanitarias, obrigadas e precisas para conter a pandemia, teñen que vir con compensacións aos sectores máis afectados. Estas novas medidas son necesarias para protexer a vida e a saúde, pero hostalería, comercio, cultura e outras áreas económicas precisan unha man para non colapsar.
Coa súa habitual hipocrisía, o presidente da Xunta asegura que os datos xa anunciaban a terceira vaga da pandemia que estamos a sufrir, pero non asume ningunha responsabilidade pola relaxación de medidas, trasladándoa toda á cidadanía.
A hostalería volve levar a peor parte das restricións, enfrontándose a un peche encuberto no que a Xunta non manda baixar a persiana, para evitar indemnizacións, pero establece uns horarios nos que é imposible manter unha actividade viable. Semella unha tomadura de pelo que o presidente da Xunta afirme que “non hai máis contaxios nos bares que nas reunións familiares” pero manteña as medidas máis duras nun sector, que leva meses ao límites, onde as axudas son especialmente urxentes.
Saudamos, en todo caso que, aínda que tarde, se establezan límites a actividade de grandes áreas comerciais e casas de apostas. Por fin Feijóo se decata que os negocios de grandes empresas non son inmunes aos contaxios. O tempo dirá se as medidas anunciadas hoxe son suficientes.
Finalmente, seguimos agardando un maior investimento na sanidade pública, que repare anos de recortes sanitarios e precarizacións. Só un sistema sanitario forte pode coidarnos como é necesario fronte a esta pandemia.