“O protocolo do goberno galego ante a COVID19 esixe un incremento de recursos que os centros non poden asumir sós. Debe garantirse un inicio de curso en condicións de seguridade”, afirma Silvia Caméan.

Todos os niveis de ensino, desde as escolas infantís de 0-3 anos deben contar cos medios necesarios para previr rebrotes e protexer a alumnado e persoal

A Marea Atlántica esíxelle á Xunta de Galicia que invista os fondos necesarios para que a voltas ás aulas sexa segura desde o punto de vista sanitario e para impedir que os centros de ensino se transformen en focos de rebotes. “O protocolo do goberno galego ante a COVID19 esixe un incremento de recursos que os centros non poden asumir sós. Debe garantirse un inicio de curso en condicións de seguridade””, afirma a concelleira Silvia Caméan. 

Tal e como denunciaron todas as centrais sindicais, facerlle fronte á pandemia require máis profesorado, menor número de alumnado por aula, e directrices para afrontar os posibles rebrotes, cuestións que o goberno de Feijóo non ten en conta. “O protocolo contempla pequenas adaptacións e lle deixa toda a responsabilidade aos centros no caso dun rebrote. Todo a custe cero”, asegura Cameán. 

Estas reclamacións deben terse en conta en todos os niveis educativos, desde o ensino de 0-3 anos ata o bacharelato. Ademais, o goberno galego debe garantir que todo o persoal dos centros conte cos equipos de protección axeitados. En palabras de Silvia Cameán, “para iso urxe que o goberno planifique as necesidades materiais e organizativas deste novo curso en colaboración coa comunidade educativa, para responder á esta situación inédita”. 

Rapaza pintando na escola

Actuacións desde o Concello

Tamén lle solicitamos ao goberno local  que se reúna coas direccións das Escolas Infantís Municipais, escoite as súas necesidades e planifique con elas a reapertura dos centros no vindeiro curso, nas axeitadas condicións de seguridade que esixe a pandemia de coronavirus. 

Outra cuestión preocupante son os atrasos nos pagos ás empresas concesionarias, que poden ter importantes repercusións nas escolas infantís e nas súas traballadoras. É necesario que o goberno local axilice o máximo posible estas facturas pendentes.

Co fin de abordar estas cuestións, vimos de presentar unha batería de preguntas co fin de coñecer as actuacións que ten previstas realizar o goberno local para garantir unha reapertura en condicións de seguridade para todas.

Por último, instamos ao goberno municipal a aprobar un plan ante posibles rebrotes que asegure a conciliación ás familias usuarias das EIM no caso de ter que pechar algún dos centros.