Saltar ao contido

Ningún dos puntos está cumprido ou en vías de se cumprir. “É necesario coidar o clima de confianza e a colaboración para sacar adiante políticas de progreso na Coruña”, asegurou a voceira do grupo municipal da Marea Atlántica

A voceira do grupo municipal da Marea Atlántica, María García, instou hoxe ao PSOE da Coruña a sentarse na comisión de seguimento dos acordos asinados en xullo para o inicio do mandato. Sinalou que  “a día de hoxe, ningún deses acordos está cumprido e os prazos previstos están preto de vencer, polo que “ urxente un cambio de dirección. A comisión de seguimento debe reunirse canto antes e desbloquear, este mes, o cumprimento do acordado”.

García lembrou que este pacto, formalizado hai tres meses, inclúe cuestións como  a implantación da gratuidade das escolas infantís, a posta en marcha dun operador enerxético 100% público e a constitución da Área Metropolitana. Tamén novas bonificacións no billete de bus para menores de 25 e maiores de 65, execución dos Bosques da Coruña, asegurar proxectos como a Renda Social Municipal (que está a acumular atrasos moi graves) e outros “importantes compromisos en materia de igualdade, vivenda, emprego, medio ambiente, mobilidade e participación”. Todos eles seguen pendentes.

“Na Coruña, fomos quen de chegar a un acordo áxil, responsable e realista para o inicio de mandato, en contrate coa situación no Congreso dos Deputados”, explicou a nosa voceira. “Comezamos cimentando unha relación de confianza de cara ao futuro, priorizando as políticas públicas que a veciñanza precisa e que afondan no modelo de cidade inclusiva, xusta, innovadora e sostible que construímos durante o pasado mandato, co alcalde Xulio Ferreiro á cabeza”. “Un punto de partida que non debería botarse a perder, pois a dereita agarda, cada vez máis unida, unha segunda oportunidade. Sería unha irresponsabilidade alimentala”, engadíu.

Orzamentos de progreso

María García explicitou, ademais, a vontade do grupo municipal da Marea para para “facilitar activamente un acordo orzamentario que aglutine a todas as forzas de progreso”, sempre e cando non supoña “deixar atrás unha chea de compromisos incumpridos”.

“Esta cidade necesita uns orzamentos municipais ambiciosos e netamente progresistas para o ano 2020. Unhas contas que recuperen a capacidade de investimento da que nos privou no último ano o bloqueo electoralista do PP e o PSOE, que manteñan os extraordinarios niveis de gasto social que acadamos no mandato anterior e que se dirixan, sen ambigüidade, a resolver os principais problemas da Coruña con respostas innovadoras”, sinalou a voceira.

 

María García urxe ao PSOE a convocar a comisión de seguimento dos acordos asinados en xullo