Saltar ao contido

O sector hostaleiro reclama que o Concello e a Xunta cumpran as súas promesas: as axudas e as rebaixas fiscais anúncianse constantemente, pero non chegan

O xoves, no Pleno convocado polo PP, recuperaremos as propostas . A mesma que o goberno non quixo escoitar en novembro

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, anunciou hoxe en rolda de prensa xunto a representantes do sector hostaleiro, que o noso grupo aproveitará o Pleno Extraordinario convocado polo PP este xoves 10 de decembro, para recuperar, entre outras, a proposta de baixar un 75% as taxas do lixo e a auga para pemes, micropemes e autónomos da hostalería, a cultura e o comercio, os  sectores máis afectados pola crise. “Nestes momentos, un axuste das ordenanzas fiscais é unha oportunidade para facer máis redistributivos os impostos do Concello e axudar ás persoas e negocios que peor o están a pasar na pandemia. Non lles podemos pedir que sigan a pagar coma se nada”, afirmou García. 

Na rolda de prensa participaron varios representantes do colectivo hostaleiro que está a organizar as mobilizacións dos últimos meses, con quen María García mantivo unha xuntanza previa, xunto ao noso voceiro provincial, Alberto Lema, e o noso vicevoceiro municipal, Iago Martínez. O portavoz do colectivo, Pedro Villarino, afirmou que o sector está “abandonado polas administracións públicas, mentres os recursos se acaban”. E pediulle ao Concello e á Xunta que se cumpran as promesas que lles están a facer: “O goberno local comprometérase a non cobrarnos o lixo polos meses que tivemos que pechar no confinamento, e pasou os recibos igual”.

O mesmo acontece coas axudas de reactivación do plan de choque municipal, o chamado Presco, “que non están a chegar a pesar dos anuncios. Do grupo de 60 locais ao que representamos, só dous cobraron esta axuda. E das da Xunta non hai nin rastro”. Villarino demandou que se axilicen os trámites, tal e como propuxemos hai un mes á alcaldesa, cunha proposta á que nin respondeu, e reclamoulle ao goberno municipal que “baixe aos barrios e fale coa veciñanza e o pequeno comercio, que nos dea o seu apoio de verdade”. 

Solicitou, ademais, campañas públicas de formación e concienciación de cara á cidadanía, para garantir a aplicación das normas sanitarias, “en lugar de culpabilizar a sectores coma o noso, que forma parte do tecido social, sendo a forma de vida de moitas persoas”.

María García reclamou que, tras o cambio das ordenanzas fiscais, se axilicen as axudas do plan de choque municipal contra a pandemia, en outubro había 3.827 solicitudes e só se pagaran 107, un 2,8%.  E esixiu que se retome a aprobación duns Orzamentos 2021 no Concello, adaptados á crise, en vez de prorrogar os de 2020.

Outras medidas para a xustiza fiscal

A bonificación do 75% nas taxas do lixo e a auga para pemes, micropemes e autónomos da hostalería, a cultura e o comercio, non será a única proposta que levaremos ao Pleno Extraordinario deste xoves. Aínda lamentando que Inés Rey lle ceda ao PP a iniciativa política, proporemos:

  1. Eliminar o copagamento no Servizo de Axuda a Domicilio. Pódese facer e o goberno da Marea Atlántica deixou escrita a folla de ruta. Só hai que querer botarlle unha man aos fogares que precisan coidados
  2. Axudar ás familias monomarentais con fillos e fillas ao cargo: rebaixa do 50% nas  auga e o lixo.

Un debate pendente desde  hai meses

“O 10 de novembro quixemos tratar esta e outras medidas. Pero o goberno municipal convocou un pleno con cero diálogo, unha proposta falta de ambición, con expedientes inzados de erros e deixando menos de 24 horas á oposición para facer propostas. E cando as fixemos, mudaron a orde do día para non poder debatelas. Así son as cousas agora en María Pita”, afirmou María García. 

Naquel momento só puidemos introducir unha proposta, as bonificacións no ICIO para as obras de eficiencia enerxética en vivendas habituais. E, pese a todo, votamos a favor da maioría das ordenanzas “porque a cidade non ten a culpa de que o PSOE goberne a tempo parcial, enredado polas súas liortas internas”, conclúe María García. 

De feito, o goberno prometera o 8 de xaneiro sentar con nós a negociar cambios para uns tributos municipais máis redistributivos. Incumpriuno, como a gran maioría das súas promesas.

María García: “Insistiremos nos cambios nas ordenanzas fiscas, comezando por unha bonificación do 75% na taxa do lixo e a auga para hostalería, comercio e cultura ”