Saltar ao contido

A entidade, onde o Estado é socio maioritario e cuxa débeda é pública, desfíxose de sete vivendas e dous baixos no centro da Coruña por uns 60.000 euros cada un, nunha operación inxustificable

Preguntaremos no Pleno sobre as xestións da Concellería de Urbanismo neste caso e no das 55 vivendas de Epamar en Palavea, en situación incerta

A Marea Atlántica denuncia que a Sareb (o “banco malo”) vén executar a través do xulgado a subasta dun edificio na rúa Orzán, e que conta con sete vivendas e dous baixos dos que consta o inmoble. “Trátase dun uso dos recursos públicos para beneficio privado, que as administracións non deberían tolerar e menos cun ben tan sensible como é a vivenda”, sinala María García, a nosa voceira municipal. 

A Sareb é unha entidade na que o Estado é socio maioritario e cuxa débeda computa como pública, pero que se comporta habitualmente coma unha inmobiliaria privada, ignorando o interese xeral. Existían outras vías, como a que se seguiu en Miño para cederlle ao Concello varios pisos, pero o goberno local da Coruña non está a conseguir ningún resultado neste sentido.

Preguntaremos no vindeiro Pleno polas xestións que a Concellería de Urbanismo fixo ou está a facer coa Sareb, neste caso e no das 55 vivendas da antiga promoción de Epamar en Palavea, que se atopan nunha situación incerta tras as informacións contraditorias sobre a súa venda.

A Coruña, a cidade galega na que máis se encareceu a vivenda

A Coruña sitúase como a cidade galega onde máis se encareceu a vivenda no último ano, cunha suba do 4,2% e un prezo medio un 60% por enriba da media no país (1.800 euros o metro cadrado), segundo os últimos informes do sector. Nestas condicións, é díficil de entender que a Sareb deixase sete vivendas e dous baixos no centro da Coruña por prezos de entre 50.000 e 69.000 euros, aos que habería que sumarlles as cargas hipotecarias que pesan sobre os inmobles.

María García pregúntase “como é posible que unha entidade que depende do Estado traballe para o mercado en lugar de buscar usos sociais para as súas vivendas”. A cesión do inmoble ao Concello sería un xeito de aumentar o parque de pisos municipais, e complementaría o acordo para unPlan Municipal polo Dereito á Vivenda que formou parte da aprobación dos Orzamentos 2022, e que inclúe xa este ano un investimento de 9 millóns de euros.

A lamentable actitude da Sareb amosa, unha vez máis, como gran cantidade de organismos do Estado se comportan con lóxicas neoliberais, pensando só en facer cartos. É evidente no caso de Puertos del Estado e as súas prácticas de usura nos peiraos interiores, no de ADIF procurando máis usos comerciais na Intermodal, ou no do Ministerio de Defensa comerciando cos terreos da Maestranza, entre outros.

A Sareb subastou un edificio no Orzán en lugar de darlle usos sociais ás súas vivendas