Saltar ao contido

Rexistraremos unha pregunta no Concello para coñecer se Inés Rey fixo algunha xestión para poñer estes pisos en alugueiro social ou outra fórmula polo dereito á vivenda

A Xunta non introduciu na lei galega os dereitos de tanteo e retracto en execucións hipotecarias, que lle darían prioridade para adquirir estes inmobles antes de que se convertan en negocio

 

A Marea Atlántica lamenta que a Sareb, o chamado banco malo, cuxa débeda computa como débeda pública, vaia sacar a poxa 55 pisos no barrio de Palavea, que pasarán a mans privadas en lugar de terse destinado a uso social e a axudar a garantir o dereito á vivenda na Coruña. É un enorme erro que o chamado “banco malo” non dedique o seus recursos a loitar contra os problemas de acceso á vivenda e se limite a comportarse como unha inmobiliaria e a branquear as desfeitas da burbulla e crise de 2008.

O noso grupo municipal rexistrará unha pregunta no Concello para coñecer se o goberno de Inés Rey fixo algún tipo de xestión para que  estas 55 vivendas en Palavea tivesen algunha fin social.  Sería bo que as súas políticas de vivenda non se limitasen a executar proxectos da Marea Atlántica, como o de Pontejos, ou a cumprir mandatos xudiciais pola desfeita do edificio Conde de Fenosa, como en Xuxán.

Recoñecemos que os problemas de seguridade e convivencia nestas vivendas precisaban atención, pero tamén que estes problemas non terían existido se os pisos estivesen, por exemplo, en alugueiro social en lugar de pasar anos baleiros e sen uso.

Dereito de tanteo das administracións públicas

Denunciamos, ademais, que o goberno da Xunta non incorporase aínda á lexislación autonómica os dereitos de tanteo e retracto nas execucións hipotecarias, que existen noutras comunidades autónomas, e que lle permitirían ao goberno galego adquirir estas vivendas sen permitir que saian a poxa privada.

Para evitar este tipo de desigualdades entre administracións, a futura Lei de Vivenda do Estado deberia outorgarlles, de xeito claro, competencias en materia de vivenda tanto ás autonomías coma aos Concellos.

 

A Sareb quere vender 55 vivendas en Palavea en lugar de dedicalas a fins sociais