Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Segundo un medio local, o banco malo vendeu 55 vivendas no barrio, desprezando a posibilidade de cederllas ao Concello, xusto ao contrario do que fixo en Miño

Ao igual que na Intermodal, a Maestranza e o porto, o Estado só pensa na Coruña para facer caixa, esquecendo toda política pública

O grupo municipal da Marea Atlántica amosa a súa decepción despois de coñecer, a través dun medio de comunicación local, que Sareb (o “banco malo”) vendeu xa a una entidade privada as 55 vivendas que posuía en Palavea, que recibiu froito da fracasada promoción inmobiliaria de Epamar. A Sareb, cuxa débeda computa como débeda pública, escolleu facer caixa antes de destinar estes pisos a fins sociais e a garantir o dereito á vivenda, como fixo en outras localidades como Miño. 

Hai un ano que denunciamos a situación e pedímoslle ao goberno local que negociase a cesión dos inmobles de Palavea ao Concello da Coruña, para ampliar o parque de vivenda municipal. Porén, non trascendeu nin o método nin o contido destas negociacións, e só coñecemos o presunto resultado das mesmas por informacións publicadas en prensa. Pedirémoslle ao executivo que dea explicacións no vindeiro Pleno. 

No actual contexto de crise, cos prezos da compra e arrendamento de vivenda multiplicándose, sumar 55 pisos sociais na Coruña tería sido un enorme avance. E tería complementado o acordo para un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda que formou parte da aprobación dos Orzamentos 2022, e que inclúe xa este ano un investimento de 9 millóns de euros para a compra de inmobles, a promoción de vivenda pública e ampliación da bolsa de alugueiro social, entre outras medidas. 

Xusto acaba de coñecerse un informe da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) que sinala que a cidadanía galega inviste, de media, a cuarta parte dos seus ingresos en pagar a súa casa, unha porcentaxe que aumenta exponencialmente nos fogares con menos recursos. Combater esta inxustiza debería ser unha prioridade para calquera goberno. 

A actitude da Sareb, una entidade en parte pública que se comporta coma unha inmobiliaria privada, vén sumarse ao cada vez máis longa lista de organismos do Estado que só pensan na Coruña para facer caixa. Vémolo con Puertos del Estado na usura da débeda portuaria, co ADIF na explotación da Intermodal ou co Ministerio de Defensa, entre outras.

Preguntaremos no Pleno que xestións fixo o goberno local para converter os pisos da Sareb en Palavea en vivendas sociais