Silvia Cameán: “Se a pandemia deixou algo claro, é o valor das profesións que sosteñen a vida. Temos que apoialas con algo máis que aplausos e propinas de 250 euros”
A nosa proposta tamén esixe a inmediata reapertura dos centros de día da Xunta, e un maior compromiso do Concello coa axuda a domicilio para maiores e dependentes
A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o 2 de xullo, unha moción para reclamar o reforzo dos servizos sociosanitarios, a recuperación dos recortes acumulados desde 2008 e o impulso a un sistema público de saúde e coidados. Como sinala a concelleira Silvia Cameán: “Se a pandemia de COVID19 deixou algo claro, é o valor das profesións que sosteñen a vida. Temos que apoialas con algo máis que aplausos e propinas de 250 euros”.
Cameán, acompañada por Claudia Delso, tamén mantivo hoxe unha xuntanza coa Federación Galega de Usuarios e Familias de Residencias e Dependencia (REDE), para escoitar de primeiran as súas reivindicacións e trasladarlle o noso apoio. Ambas as dúas participaron, igualmente, na marcha que o Movemento en Defensa das Pensións (Modepen) realizou desde María Pita, reivindicando servizos sociais públicos.
Feijoo ten que pedir desculpas e comprometerse
Deste xeito, procuraremos o apoio da maioría do Pleno para esixirlle á Xunta de Galicia que aumente o investimento público na sanidade e nos servizos sociais, e a Alberto Núñez Feijóo que pida desculpas ás profesionais por tentar mercalas con esmolas como os vales de 250 euros para restaurantes e hoteis. Non chega con que o conselleiro de Sanidade se arrepinta coa boca pequena e botando as culpas fóra.
“A sanidade pública galega chegou á pandemia do COVID19 moi debilitada, por culpa dos recortes do PP de Galicia e a súa política neoliberal de privatización de servizos e da falta de investimento público, que aínda non recuperou os niveis previos á crise de 2008”, sinala o texto da moción. E arranxalo require vontade política e compromiso.
Coidados nas residencias e na axuda a domicilio
O mesmo acontece no eido sociosanitario, onde a pandemia amosou o debilitados que están servizos como os centros de día, as residencias de maiores ou a axuda a domicilio, resultado de deixalos en mans de empresas “que puxeron o beneficio por enriba da calidade asistencial e a dignidade laboral”.
Neste sentido, a nosa moción insta á Xunta de Galicia a reabrir canto antes os centros de día, a investir nunha rede de residencias públicas para persoas maiores e a rescatar as que están en mans de empresas como DomusVi. A tradución directa das privatizacións neste sector é que a metade das mortes causadas polo coronavirus en Galicia tiveron lugar en residencias de maiores, como se tratou na reunión coa Federación Galega de Usuarios e Familias de Residencias e Dependencia (REDE),
O texto da nosa proposta tamén lle reclama reclámalle ao Concello da Coruña que garanta a seguridade das traballadoras do servizo de axuda a domicilio, fiscalizando ás empresas que o prestan.
Reforzo dos Servizos Sociais do Concello
A nivel municipal, a crise traduciuse tamén nun aumento na demanda dos servizos sociais, o que está a causar unha sobrecarga de traballo nesta área, que non debe permitirse e pode ter graves consecuencias. Por iso, unha das demandas da Marea Atlántica desde o primeiro momento foi incluír o reforzo de persoal nos servizos sociais, para que nin unha axuda quede sen tramitar por falta de mans e para evitar a sobrecarga das traballadoras. E por iso, ademais, na nosa iniciativa instamos ao goberno municipal a cumprir o acordado e a convocar o Consello Municipal de Saúde para analizar a situación actual da Coruña da man do tecido sociosanitario da cidade.
“É evidente que nesta crise se puxo de manifesto a importancia do público no sostén da vida polo que o mellor recoñecemento que podemos facer dende as administracións é reforzar os servizos públicos nos que estas profesionais desempeñan o seu labor e mellorar as súas condicións laborais. En definitiva, coidar de quen coida”, conclúe o texto da moción.