As irresponsables actuacións do presidente de La Liga, que causaron un grave dano na cidade, non poden quedar impunes
O Estado ten que investir na Coruña porque é a súa obriga, non como compensación por mirar cara outro lado
A Marea Atlántica considera intolerables as informacións coñecidas hoxe a través dos medios de comunicación, sinalando que o Consello Superior de Deportes branquea o comportamento irresponsable de Javier Tebas, presidente de La Liga, que ao autorizar a viaxe do C.F. Fuenlabrada puxo en risco a saúde da veciñanza da Coruña, propiciou un brote de COVID19 e causou graves danos á imaxe e á economía da cidade. Ademais, o CSD ignora a adulteración da competición, condena ao R.C. Deportivo ao descenso, e pretende “compensalo” cunha oferta de maiores investimentos na Coruña nos vindeiros anos.
Desde a Marea Atlántica esixímoslle ao goberno do Estado en Xeral, e ao Ministerio de Cultura e Deportes (PSOE) en particular, que rectifique e sancione a Tebas tanto por violar a normativa sanitaria como por rachar as normas de igualdade na competición de 2ª División. O comportamento do presidente de La Liga merece castigo, non encubrimento propios da omertá dunha mafia.
Os investimentos son unha obriga, non un suborno
Doutra banda, é gravisimo que a directora do Consello Superior de Deportes, Irene Lozano, puidera ofrecer investimentos na Coruña a cambio do descenso do Deportivo. O goberno do Estado ten débedas coa cidade desde hai anos, comezando pola humanización da avenida da Vedra, a recuperación dos peiraos interiores, a conexión ferroviaria co Porto Exterior, o saneamento da Ría do Burgo ou a mellora do tren de proximidade, entre moitas outras. E ten que asumilas porque é a súa obriga, non como suborno a cambio de mirar para outro lado ante as prácticas mafiosas de Javier Tebas e La Liga.
Agora con máis motivo aínda, levaremos ao Pleno unha moción para declarar a Javier Tebas persoa non grata na Coruña. E reiteramos unha vez máis o noso total apoio a todas as medidas legais que o Concello e o Deportivo poidan emprender para facerlle fronte a esta inxusta situación.