Saltar ao contido

Desde que o goberno da Marea Atlántica introduciu criterios de coidado ambiental na xestión da festa, coa campaña Móllate!, pasamos das 211 toneladas que se recolleron en 2015 ás 93 deste ano

María García: “Traballamos con leadade ata o último día para deixar listo o dispositivo do San Xoán, para manter a liña de dos anos anteriores, que agardamos que o executivo do PSOE conserve”

 

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, sinalou hoxe o logro que supón que en cinco anos baixasen un 55% os residuos que a noite de San Xoán deixa nas praias da Coruña. Desde que o goberno da Marea Atlántica introduciu criterios ambientais na xestión da festa, coa creación da campaña Móllate!, a evolución foi innegablemente positiva. Pasamos das 211 toneladas de lixo recollidas en 2015 ás 93 deste ano.

  • Ano 2015: 211 toneladas.
  • Ano 2016: 190 toneladas.
  • Ano 2017: 134 toneladas.
  • Ano 2018: 117 toneladas.
  • Ano 2019: 93 toneladas.

María García lembrou que “mesmo como goberno en funcións, traballamos con lealdade ata o último día para deixar listo o dispositivo de San Xoán, para manter a liña de anos anteriores. A cidade non merece outra cousa, e agardamos que o executivo do PSOE da Coruña sexa quen de conservala”. E agradeceu o “gran traballo que desenvolveron as máis de 500 persoas implicadas na organización e na seguridade”.

Explicou que na mañá do 24 de xuño, as praias das Lapas, Matadoiro, Oza, San Amaro e mesmo Riazor amenceron practicamente sen residuos. A gran conta pendente segue a ser o Orzán, onde se dá a maior concentración de persoas, pero aínda neste espazo danse grandes melloras. “Queda moito por facer, pero non se pode negar que o traballo do último mandato foi na boa dirección, e hai que seguir reducindo o prezo que a festa lle cobra ao océano”; engade a voceira municipal da Marea Atlántica.

Un dispositivo que vai máis alá da Noite Meiga

María García lembrou que o esforzo da campaña Móllate! non se limita a actuar na noite de San Xoán, e comeza pola educación ambiental nos centros de secundaria da Coruña, desde catro meses antes. Nesta edición, máis de 200 alumnos e alumnas dos IES Adormideras, Monte das Moas, Eusebio da Guarda, A Sardiñeira, Monelos, CIFP Ánxel Casal e Fundación Érguete implicáronse no deseño e produción das propostas da campaña.

Por segundo ano consecutivo, tamén se estableceron áreas libres de residuos nas Praias Vivas: en todo o areal do Matadoiro e en dúas zonas acoutadas do Orzán e Riazor, “que contaron con monitores ambientais, reparto de ecovasos e concienciación para amosar que é gozar da festa sen deixar lixo”.

En total, o dispositivo ambiental contou con 15 illas de reciclaxe e, a maiores, 13 contedores para o depósito de residuos orgánicos e 43 para residuos inertes. Tamén se instalaron aseos portátiles preto dos accesos ás praias.

Repártironse 120 toneladas de madeira limpa, sen puntas nin elementos metálicos que queden atrás despois da queima, e estableceuse un control dos elementos que se baixaban aos areais, prohibindo os palés, vidro, mobles, colchóns… Neste ano prohibiuse a solta de globos de papel ou farois que precisan de lume para ascender, pois ademais de ser unha fonte de residuos teñen un grave risco de causar incendios.

Zonas de especial protección natural e patrimonial

O traballo de protección tampouco remata nas praias. Esténdese a outras zonas de interese ecolóxico ou patrimonial, como o monte de San Pedro, xardíns de Méndez Núñez, xardín de San Carlos, praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, “unha zona que leva dous anos agardando a que a Xunta complete os trámitas para declarala Espazo Natural de Interese Local pola riqueza da súa biodiversidade”, sinala María García.

Deste xeito, cun traballo constante no tempo, cunha ollada posta sempre na protección da natureza e coa concienciación e colaboración da cidadanía, logrouse reducir á metade o volume de lixo da noite de San Xoán. É agora responsabilidade do PSOE da Coruña manter esta liña de actuación e continuar reducindo o impacto ambiental das festas nas praias.

En cinco anos, os residuos do San Xoán baixaron á metade