Alberto Lema: “É un escándalo que un xerente que non cumpriu ningún dos seus obxectivos pretenda aumentar o seu salario nun 15% con cartos públicos”
A Marea Atlántica votará en contra de subirlle o soldo en 9.000 euros anuais ao xerente do Consorcio de Turismo, Moisés Naranjo, asunto que se levará o venres 22 de xullo á Xunta de Goberno deste organismo municipal, por iniciativa do propio Naranjo, que pretende aumentarse o salario, aproximadamente, duns 60.000 euros ao ano ata 69.000. Unha suba que, de aprobarse, terá carácter retroactivo e se aplicará desde o 1 de xaneiro, tendo que pagarlle o Concello a diferenza nos meses que xa cobrou.
Alberto Lema, representante da Marea Atlántica no Consorcio, afirma que “é un escándalo que na situación actual, con cada vez máis persoas chegan con apuros a finais de mes, un xerente que non cumpriu co ningún dos seus obxectivos pretenda subirse o soldo un 15%, completamente intolerable. Hai usos moito mellore e urxentes para os recursos públicos nun momento coma este”.
Externalización de servizos na Torre de Hércules
Mentres pide unha suba de soldo máis de tres veces superior á media galega, pero, segundo denuncian varias traballadoras, unha das súas decisións máis recentes está a ser a de non renovar os contratos do persoal temporal que traballa na Torre de Hércules atendendo ao turismo. Son persoas que levan anos encadeando contratos e que agora se ven na rúa en vez de regularizadas.
O xerente podería optar por unha bolsa de traballo indefinido ou de persoal fixo descontinuo, pero escolleu deixar estes postos en mans dunha empresa privada en lugar de fomentar o emprego público de calidade. Así o denuncian varias traballadoras, a pesar de que o goberno local negou que se fosen externalizar servizos cando lle preguntamos ao respecto no Pleno.
En agosto cúmprese un ano do proceso irregular para nomear a Moisés Naranjo como xerente do Consorcio, denunciado por toda a oposición. E a súa etapa caracterizouse pola aposta por modelos insostibles e de dubidoso rendemento para a cidade. É o caso do fomento dos pisos turísticos, cuxo impacto é moi negativo nos barrios e mesmo no sector hoteleiro tradicional (mentres concellos como Santiago ou Oleiros apostan por poñerlles freo). Ou o fomento desmedido dos cruceiros, con ocorrencias coma instalar unha estación marítima nos Cantóns, e de novo contra a tendencia de regular os seus atraques que están a marcar as cidades máis afectadas pola súa masificación.
Pésimos resultados en Alvedro
Naranjo chegou prometendo o rexurdir do aeroporto de Alvedro, pero doce meses despois segue a ter os peores resultados dos tres aeroportos galegos. Así, os datos de Alvedro en xuño amosan que os últimos destinos internacionais non están a funcionar, cunha ocupación por baixo do 40% na conexión con Orly (de cuxas malas previsións xa advertiramos) e co enlace con Londres-Gatwick dando un rendemento moito peor que o de Heathrow. Financiar desde o Concello este tipo de enlaces con cartos públicos carece de sentido.