Saltar ao contido

Hai tempo que se aprobou que o nome do escritor entrase no rueiro da cidade, pero o goberno de Inés Rey aínda non o fixo efectivo. A Cultura non está na súa axenda 

Este 24 de maio cúmprense 25 anos do falecemento de Lois Pereiro, unha das voces poéticas máis influentes da literatura galega contemporánea. A Comisión de Honras do Concello da Coruña ten aprobado dedicarlle unha rúa á súa figura, pero o goberno de Inés Rey aínda non o fixo efectivo. Por iso, desde a Marea Atlántica queremos aproveitar esta data para volver reclamar unha para o autor de Poesía última de amor e enfermidade. 

Xa reiteramos a petición na Comisión de Honras celebrada no mes de marzo, reclamando que se axilice a designación dunha rúa para Lois Pereiro pero, ao igual que a solicitude de mudarlle o nome a praza de Tabacos para homenaxear ás Cigarreiras, foi ignorada polo goberno local. 

Pereiro, unha das voces poéticas máis lúcidas de todas as letras galegas, desenvolveu gran parte do seu traballo literario na Coruña, cidade coa que tivo unha conexión especial ata a súa morte, o 24 de maio de 1996. 

Outra mostra de desinterese pola cultura

A falta mesmo dun xesto tan sinxelo e simbólico como dedicarlle unha rúa a Lois Pereiro amosa, unha vez máis, o total desinterese de Inés Rey e o seu equipo pola cultura, pese a ser, xunto á hostalería, un dos sectores máis golpeados pola crise. Tal e como temos denunciado en varias ocasións, esta área de goberno leva dous anos paralizada, con constantes cambios nas responsabilidades, sen iniciativa, nin proxecto, nin ideas. 

A semana pasada trasladamos unha proposta, con medidas concretas, para desconfinar a Cultura. Suxerimos renovar os bonos ao consumo, novas convocatorias de axudas, bolsas de creación dignas dese nome e unha liña de compra de obra de artistas locais, entre outras cuestión. Unha vez máis, non houbo resposta de Inés Rey. Se non hai ladrillo, non lle interesa. 

 

Foto: Vari Caramés

 

Reclamamos unha rúa para Lois Pereiro na Coruña, no 25 cabodano do pasamento do poeta