Saltar ao contido
Bosque de Breogán

María García: “Quedan aínda dous meses de verán. Temos que evitar situacións coma a do lume que ameazou o Castro de Elviña, e que só grazas aos servizos de extinción non causou danos no xacemento ou nas casas”

O prazo legal para a roza de vexetación dos terreos rematou o 31 de maio, pero moitas parcelas atópanse en condicións de extrema combustibilidade. O risco de incendio medra co avance do verán. Concello e Xunta poden e deben actuar subsidiariamente sobre as fincas

A Marea Atlántica urxe á Xunta de Galicia e ao goberno local a asumir a súa responsabilidade e incrementar a roza de vexetación nos camiños e vías públicas, na proximidade de vivendas e na contorna de espazos de singular valor, tal e como está previsto no Plan Municipal de Prevención de Incendios. Actuar agora é o mellor xeito de evitar situacións coma a que se vive co lume forestal que queimou máis de seis hectáreas e tardou 24 horas en ser apagado. As lapas chegaron á Terceira Rolda, ameazaron vivendas, e puxeron en risco o xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña.

A nosa voceira, María García, quixo agradecer “o traballo dos servizos de emerxencia que fan todo o posible para controlar este lume e, ata o momento, conseguiron evitar danos graves”. García pediulle ao executivo municipal que “incremente os esforzos canto antes na roza de parcelas, porque o prazo legal para facelo rematou o 31 de maio. Coa seca persistente e a vaga de calor, o risco vai ir incrementándose co avance do verán”. A Asociación Veciñal ‘Uxío Carré’ de Eirís denunciaba onte nas súas redes sociais a falta de limpeza de vexetación nos camiños dos barrios rurais e preto de vivendas.

Eucalipto, piñeiro e falta de prevención

A estas alturas do verán, e coa experiencia xa adquirida noutros anos, non se pode tolerar semellante acumulación de combustible no monte. As parcelas que arderon albergaban fundamentalmente plantacións de eucalipto e piñeiro e estaban descoidadas, o cal está prohibido pola lei, pero a Xunta de Galicia non actúa para facela cumprir. “A principal política de prevención da Xunta de Galicia é agardar que chova. Coa emerxencia climática que se evidencia cada día de xeito máis intenso, isto é unha irresponsabilidade.”

O goberno da Coruña tamén debe incrementar esforzos na roza de parcelas próximas ás vivendas. En 2021, a finais de agosto, a veciñanza de Peruleiro, O Portiño, Vío, Monte Alto, as Xubias ou Pocomaco presentaba queixas pola falta de coidado nas fincas. Chegou a darse un lume no barrio de Eirís moi próximo a vivendas. “O certo é que o risco de lumes vai medrando cara o final do verán, cando a vexetación está máis seca”, engade María García. Una actitude contraria ao pero deseñado en boa parte polo equipo de Xulio Ferreiro.

A nosa portavoz lembra que no pasado mandato se fixo un esforzo importante en prevención de incendios. Elaborouse o Plan Municipal de Prevención de Incendios, que se aprobou finalmente neste mandato. Sistematizáronse as rozas de vexetación en terreos públicos e multiplicáronse por tres os requirimentos a titulares de parcelas privadas, pasando de 300 a máis de 1.000, actuando subsidiariamente en caso de desobediencia das persoas propietarias das fincas. Vendo a virulencia que os incendios forestais están a adquirir dentro e fóra de Galicia, instamos ao equipo de Inés Rey a darlle continuidade a este fundamental traballo de prevención.

A Marea Atlántica urxe á Xunta e ao goberno local a esforzarse máis na prevención de incendios rozando a vexetación combustible arredor de vivendas e espazos públicos