Saltar ao contido

Compartimos con UXT, CIG e CCOO a preocupación pola crise industrial, a precarización do mundo do traballo e a falta de execución dos fondos de Emprego no Concello 

Trasladamos a nosa proposta de conservar as actividades produtivas nos peiraos, pois a verdadeira riqueza do porto non está na compravenda de terreos

O grupo municipal da Marea Atlántica mantivo nos últimos días unha rolda de contactos coas tres maiores centrais sindicais galegas: CIG, UXT e Comisións Obreiras, para escoitar as súas demandas e trasladarlles as nosas propostas en materia de emprego e dereitos laborais. Alberto Lema, voceiro provincial da Marea sinalou que “compartimos a preocupación pola crise industrial, personificada na grave situación da fábrica de aluminios da Coruña, pola precarización do mundo do traballo, e a falta de políticas locais de emprego”. 

É necesaria unha aposta clara pola industria desde a Xunta e o Estado, as administracións con competencias, e unha intervención que evite o peche de Alu Ibérica. As tres centrais indicais amosaron interese, ademais, na nosa proposta de consolidar unha área metropolitana forte na Coruña, que ten potencial para convertese nun motor económico e resolver a carencia de solo industrial no Concello.

Nestes encontros, trasladamos tamén aos sindicatos a nosa proposta dunha solución integral para os peiraos, na que non se descoiden os usos produtivos, aqueles vinculados á pesca, á lonxa e economía do mar. Canda os espazos abertos e equipamentos públicos, deben protexerse as actividades que xeran emprego, comezando pola condonación da débeda, como se fixo en Valencia. A verdadeira riqueza dos peiraos non está na compravenda de terreos nin na extracción de intereses financeiros. 

Doutra banda, existe preocupación pola falta de avances na renovación do contrato de Nostián, caducado desde hai case dous anos. A precaria situación da pranta de recollida de lixo afecta aos dereitos laborais, e tamén ao rendemento das instalacións, nas que a empresa Albada non está a investir o necesario.

En defensa do acordo marco no Concello

Doutra banda, pedímoslle ao goberno local que mellore o diálogo cos sindicatos, e faga un esforzo por darlle uso aos fondos dá Área de Emprego, que ten unhas das porcentaxes de execución máis baixas. Como sinala Alberto Lema, “non se están a poñer en marcha novas políticas adaptadas á realidade post-covid, nin existen liñas de traballo claras. O maior programa que se desenvolveu foi Coruña Suma, herdado do noso mandato, pero non é suficiente”. 

Reivindicamos, do mesmo xeito, o cumprimento do acordo marco asinado en 2019 polo executivo da Marea Atlántica, que fixa as condicións laborais para o persoal municipal, e que tamén foi apoiado no seu día polo PSOE. 

A Marea Atlántica mantén unha rolda de contactos cos sindicatos, centrada na protección do emprego e a vontade metropolitana