Neste Día das Letras en estado de alarma, non queremos deixar de lembrar ao profesor Carvalho Calero, unha voz democráctica, comprometida co país e sempre libre e crítica co poder.

Neste 17 de maio, Día das Letras Galegas, na Marea Atlántica non queremos que o confinamento nos faga esquecer ao profesor e escritor Ricardo Carvalho Calero, quen percorreu o país de norte a sur e estivo moitas veces na cidade da Coruña. Non só na Real Academia Galega, tamén colaborando coas entidades culturais de base durante e despois da ditadura franquista. O seu perfil político é o propio dun demócrata galeguista que soñou antes do 36 cunha república española verdadeiramente federal, dun miliciano que participou na Guerra Civil no bando republicano. Polo seu compromiso foi detido, xulgado e condenado a unha ducia de anos de cárcere.

Foi colaborador da revista e editorial Nós, membro do Seminario de Estudos Galegos, graduado en dereito e doutor en Filosofía e Letras, viviu unha dura posguerra no seu Ferrol natal, quince laboriosos anos en Lugo e outros quince como primeiro profesor de galego na USC.

Ademais dunha obra literaria moi meritoria como poeta, narrador e dramaturgo, e dunha obra de investigación e ensaio na que se formaron moitas ducias de profesores e profesoras, don Ricardo exerceu unha mirada moi libre, moi crítica co poder.

O camilo de Carvalho Calero

Pero como ao final o pobo é quen máis ordena, a homenaxe que agora celebramos era imparábel. Convidamos a ler a súa obra pero tamén a valorar o seu exemplo de persoa íntegra que dedicou seis décadas da súa vida a facer da nosa cultura un territorio máis extenso, a defender a lingua, a impulsar un modelo escolar que nos ligue á terra e non nos afaste dela e a estimular un modelo de cidadanía loitadora polo que é de todas. Ricardo Carvalho Calero marcou un camiño que nunca temos que deixar de andar.