Saltar ao contido

María García: “Os grandes proxectos de Inés Rey céntranse nos Cantóns, pero o abandono dos núcleos tradicionais como Feáns faise cada día máis evidente”

Os acordos incluídos nos Orzamentos 2020 seguen sen cumprirse: Nin reforma do centro cívico, nin avances no Bosque de Breogán e a reurbanización do Camiño de Campos

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Claudia Delso visitaron hoxe Feáns e mantiveron unha xuntanza con representantes da asociación veciñal, para escoitar as súas demandas e comprobar a absoluta falta de avances nos proxectos pendentes no barrio. En palabras de María García, “os grandes proxectos de Inés Rey céntranse nos Cantóns, pero o abandono dos núcleos tradicionais como Feáns faise cada día máis evidente”. 

Deste xeito, as nosas concelleiras puideron constatar o alto grao de incumprimento dos proxectos para Feáns incluídos no pacto entre a Marea Atlántica e o PSOE para facer posible  a aprobación dos Orzamentos 2020. Nin se levaron a cabo as obras de mellora do centro cívico, adquirindo algunha das parcelas anexas para ampliar a zona verde. Non se reurbanizou o Camiño de Campos, moi usado pola veciñanza e, a pesar das promesas, non se ven avances na creación do Bosque de Breogán, un espazo natural autóctono. 

Outros proxectos herdados do mandato anterior seguen tamén no caixón, como a recuperación da senda fluvial do río Feáns, unha iniciativa de naturalización que precisamente conectaría o Bosque de Breogán co río, Elviña e o seu castro e os barrios de Novo Mesoiro e Feáns. 

Demandas veciñais

A asociación veciñal de Feáns trasladounos, ademais, a necesidade de dotar á escola dun patio cuberto, dobremente importante nestes momentos de pandemia, para que o alumnado poida estar ao aire libre incluso con choiva. Reclaman, do mesmo xeito, amañar o Camiño da Agüieira, hoxe moi deteriorado, e que se realice o mantemento do antigo lavadoiro e o río. 

Na visita, achegámonos ata a grada e o peche do parque xunto ao centro cívico, un proxecto impulsado polos Orzamentos Participativos por iniciativa da veciñanza, que nunca deixou de reclamalo. “Lembrámoslle á alcaldesa que segue a ter varias iniciativas pendentes dentro dos Orzamentos Participativos, como a mellora de servizos nas zonas rurais da Coruña. Despois de facer desaparecer a convocatoria de 2020, pedímoslle esta política de participación para que a  xente poida ter voz directa á hora de deseñar a cidade que quere.

O vindeiro martes, a Marea Atlántica manterá unha xuntanza coa AVV da Urbanización Breogán, para coñecer tamén as súas necesidades. Pedímoslle a Inés Rey que cumpra a súa palabra e  execute os fondos e os proxectos pendentes para Feáns e outros núcleos tradicionais como Palavea, Mesoiro Vello, Bens ou a Zapateira.

 

Reunímonos coa veciñanza de Feáns para reclamar os proxectos pendentes no barrio