Alberto Lema e Silvia Cameán reuníronse con representantes sindicais do 092 e lembraron a necesidade de cumprir o acordo marco sobre a Policía Local acadado no mandato anterior
Nun momento no que a axuda da Policía Local é decisiva para o control das medidas sanitarias, Inés Rey non cobre as prazas vacantes nin renova os vehículos avariados
As concelleiras da Marea Atlántica, Silvia Cameán e Alberto Lema, reuníronse onte con representantes da Asociación Profesional Policía Local A Coruña, para escoitar as súas necesidades e constatar que o goberno municipal está a incumprir o acordo marco ao que se chegou no mandato anterior.
“Reclamámoslle a Inés Rey e ao concelleiro de Seguridade, Juan Ignacio Borrego, que dialogue e respecte os compromisos e dote a Policía Local das condicións laborais e materias necesarias para facer o seu traballo. Iso é máis importante que anunciar dispositivos especiais para os que non existen recursos máis alá da propaganda”, afirmou Alberto Lema.
O 092 está a ver reducidos os seus efectivos por que non se están a cubrir as baixas por xubilación. “Nos próximos cinco anos está previsto que aproximadamente 100 axentes deixen a vida laboral activa, sen que existan previsións claras para a súa substitución”, engade Silvia Cameán.
O executivo local, denunciado ante a Inspección de Traballo
Tamén existen problemas co parque de vehículos, necesitado dunha renovación urxente que o goberno local non asume. As avarías e os problemas mecánicos están á orde do día, dificultando o labor do 092, con vehículos que superan os 300.000 quilómetros e motos que carecen da ITV actualizada. “E, nestes momentos, a súa presencia na rúa é especialmente necesaria para supervisar que se cumpren as restricións sanitarias contra a pandemia”, argumenta Alberto Lema.
De feito, a Asociación Profesional Policía Local A Coruña, ante a falta de diálogo do goberno local, viuse obrigada a presentar unha denuncia ante a Inspección de Traballo polo incumprimento das medidas sanitarias no cuartel de Orillamar. É algo inédito na historia recente do Concello.
O protocolo contra as violencias machista, no aire
Denunciamos, ademais, que a Policía Local da Coruña segue sen estar incorporada de forma efectiva ao sistema Viogen de protección das vítimas das violencias machistas, porque o goberno local non organizou aínda os cursos de formación para axentes.
Tal e como explica Silvia Caméan, o Concello iniciou os trámites para sumarse a Viogen no mandato anterior, en febreiro de 2019, e desde aquela o único avance que tivo Inés Rey foi unha foto coa subdelegada do Goberno, pero ningunha acción efectiva.
“A igualdade non é un asunto prioritario para este goberno, se o fose xa estaría funcionando o sistema de seguimento integral nos casos de violencia machista, unha ferramenta moi importante para as vítimas superviventes. A isto hai que sumarlle as listas de agarda de 2 meses no CIM para unha primeira atención e a tardanza nos xulgados de violencia contra a muller”, conclúe Silvia Caméan.