Saltar ao contido

María García e Iago Martínez mantiveron un encontro co presidente do Porto e advertiron de que “calquera intento de facer negocio vendendo bordo litoral teranos en fronte”

“Celebramos o cambio de actitude da Autoridade Portuaria, asumindo os consensos acadados nos últimos anos. As palabras mudaron, pero aínda teñen que mudar os feitos”, sinala García

A voceira e o vicevoceiro da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, mantiveron hoxe un encontro co novo presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, a quen lle pediron que se implique de  xeito activo un Pacto contra a Débeda que levante a hipoteca sobre os peiraos interiores da Coruña.  Unha débeda que ten que asumir o Estado, tal e como se fixo en Valencia, pois “as achegas doutras administracións serán necesarias para a transformación urbana dos peiraos, sempre desde a titularidade pública, non para tapar un burato financeiro con intereses cercanos á usura antes de mover unha soa pedra”, sinala a nosa voceira. E engadiu que os fondos públicos deben empregarse para construír equipamentos, mellorar a mobilidade, gañar espazo público e dar servizos aos barrios.

“Agradecemos o convite para falar e celebramos o cambio de actitude da Autoridade Portuaria. A Marea Atlántica sempre estará en disposición de dialogar sobre o futuro dos peiraos polo ben da Coruña”, explicou María García. E engadiu: “Se estamos hoxe aquí, falando dunhas novas bases para a apertura dos peiraos á cidade distinta á de 2004 é grazas á defensa firme, contundente e a calquera prezo que o alcalde Xulio Ferreiro e a veciñanza da Coruña fixeron do interese xeral”. 

Por iso, deixamos claro que “a Marea Atlántica nunca apoiará facer negocio co bordo litoral da Coruña e romper o consenso político acadado nos últimos cinco anos. Calquera operación especulativa, que pretenda facer caixa coa venda de terreos portuarios terá a oposición frontal da Marea Atlántica”, advertiron os nosos representantes. As empresas operan agora no porto en réxime de concesión, e ese é o modelo que debe manterse. 

Sen condonación da débeda non hai futuro

María García lembrou que a débeda do Porto da Coruña ascende a máis de 300 millóns de euros co Estado como acredor principal, e que “resulta absurdo pensar que se vai poder cubrir xogando ao Monopoly cos peiraos. O camiño e a condonación, como se fixo en Valencia. Co agravante de que aquí nace das obras do Porto Exterior, e alí de pagar a Fórmula 1 e a Copa América”. 

Lembramos, ademais, que os intereses son completamente abusivos, non sabemos a qué espera a  APAC para renegociar estes tipos de interese desorbitados con Portos do Estado.  A Autoridade Portuaria leva pagados máis de 40 millóns de euros só en intereses e, en 2019, achegou o 97% dos ingresos financeiros de Portos do Estado. “As prácticas usureiras deste tipo son difíciles de entender entre administracións públicas. Igual que resulta difícil de entender que o documento aprobado pola Universidade da Coruña fale da condonación da débeda como un problema de reputación. En Valencia non se lles ve moita preocupación, ao contrario, ábreselles unha oportunidade para a cidade”, argumentou María García. 

Igualmente, insistimos na necesidade de que o Estado e Adif asuman os 140 millóns de euros necesarios para a conexión ferroviaria do Porto Exterior, imprescindible para poder trasladar alí parte da actividade dos peiraos. Fíxose no porto de Castellón sen problemas, mentres que na Coruña non se pon un só euro sobre a mesa. 

San Diego: os peiraos dos que non se fala

As concelleiras da Marea Atlántica trasladáronlle ao presidente da Autoridade Portuaria a súa preocupación polo futuro dos peiraos de San Diego, Petroleiro e a estación de mercadorías, os que representan a maior parte da superficie portuaria e dos que menos se está a falar. Son case 380.000 metros cadrados nos que se sitúa boa parte da actividade produtiva dos peiraos pola sua proximidade a lonxa.  

“No plan da Universidade da Coruña, feito público esta semana, hai carencia de propostas para manter a pesca e apostar pola economía do mar, a pesar de ser unha das principais fontes de riqueza da nosa cidade. O porto debe seguir sendo un motor económico e de emprego”, explicou María García. Pedimos que non se esquezan das empresas do sector, unha solicitude compartida por Martín Fernández Prado.

A nosa voceira fixo un chamamento a respectar os consensos xurdidos no mandato anterior, desde a mobilización cidadá, e ratificados no Parlamento de Galicia, a Deputación e o Concello da Coruña, en varias ocasións e co voto de Fernández Prado como concelleiro. “E para iso, hai que ir máis alá das palabras e fixarse nos feitos. E os feitos son que os convenios de 2004, os que falan de vender o porto para facer 4.000 vivendas en San Diego, seguen vixentes. E que no estudo da UdC percibimos indicios que espertan alarmas”. 

Reclamamos, na mesma liña de consensos, que o debate sobre o futuro do porto e o bordo litoral non quede secuestrado nos despachos. A cidade, a veciñanza e os sectores produtivos teñen que estar presentes.

Instamos á Autoridade Portuaria a implicarse nun Pacto contra a Débeda e opoñémonos frontalmente a pagala coa venda de terreos