Saltar ao contido

Non existe ningún tipo de control na cidade sobre os locais de xogo, e o 85% están situadas a menos de 400 metros de centros escolares, deportivos ou sanitarios, segundo o mapa colaborativo que elaboramos hai un mes

O Concello da Coruña ten competencias para regular a apertura de casas de apostas a través da normativa urbanística, pero o goberno local rexeita tomar medidas

A voceira e o vicevoceiro da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, e a concelleira Silvia Cameán, reuníronse hoxe con Gerardo Rodríguez, directivo da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure), para analizar o grave problema da proliferación de casas de apostas na Coruña. “Non existen datos oficiais, nin existe ningún tipo de límite legal aos establecementos de xogo, pero grazas ao mapa que elaboramos coa colaboración cidadá temos identificados 32 puntos de postas deportivas, dos que o 85% están a menos de 400 metros dun centro escolar, deportivo ou sanitario”, lembrou María García. 

Desde Agalure, trasládannos que as casas de apostas e os sistemas de apostas deportivas son unha das principais portas de entrada da mocidade no xogo. A media de idade para iniciarse está nos 19 anos, e a maioría das solicitudes de axuda que recibiu a entidade chegaron de persoas menores de 25 anos enganchadas ás apostas deportivas.

Existen ducias de concellos, como os de Barcelona ou Pamplona, que xa están a tomar medidas para regular a presenza das casas de apostas preto de lugares frecuentados por poboación sensible, pero na Coruña o goberno local rexeita actuar. O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, negouse a facelo no último Pleno coa escusa de que non ten competencias para facelo. Pero unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Castela-A Mancha ou un informe ben claro da Xerencia de Urbanismo de Pamplona. Como resume María García, “claro que os concellos teñen competencias, o único necesario para limitar a couza do xogo, que se ceba cos barrios máis humildes, é vontade”. 

 

O Concello pode actuar xa. E calquera límite é mellor que cero

María García sinalou que “volvemos pedirlle ao goberno municipal que dea un paso adiante e modifique a normativa urbanística para regular a presenza de casas de apostas. Pode facelo, sería unha medida pioneira en Galicia e só comezar a tramitala activaría unha moratoria que impediría a apertura de novas casas de apostas durante un ano”. 

O límite de 400 metros que fixamos no mapa colaborativo é unha proposta que pode debaterse. En Barcelona chegan aos 800 metros, e a Lei do Xogo que Feijóo promete unha e outra vez tramitar establece uns escasos 150 metros… e aínda así habería oito locais de apostas na Coruña que incumprirían esta norma. “O que non pode ser é que o límite actual sexa cero. Iso fai que teñamos unha casa de apostas na mesma porta do Instituto Eusebio da Garda, ou catro locais de xogo rodeando o Fernando Wirtz”, resumiu a nosa voceira. 

670.000 casos de ludopatía, a metade menores de 26 anos

A falta de datos no ámbito galego, ante o desinterese da Xunta, é preocupante, pero si existen estudos no ámbito estatal. O último informe do Plan Nacional Sobre Drogas, con datos de 2019 e 2020, amosa que existen no Estado 670.000 persoas con problemas de ludopatía, das que o 44% son menores de 26 anos. 

O mapa da couza do xogo na Coruña é un traballo en construción, e irase actualizando a medida que se produzan cambios. Se botas algo en falta, podes contribuír a melloralo cun correo a comunicacion@mareatlantica.org ou contactándonos en calquera das nosas redes sociais.

Reunímonos con Agalure para analizar o problema das casas de apostas na Coruña