Non pode consentirse que unha empresa que pechou 2020 con 600 millóns de beneficio cargue o prezo da crise e a transición enerxética no lombo do seu cadro de persoal
A Marea Atlántica reclama a retirada do ERTE na refinería de Repsol na Coruña, que pretende poñer na rúa a 212 persoas, un tercio da plantilla total, empregando a pandemia como escusa. Trasladamos todo o noso apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa e esiximos que a Xunta e o Estado se impliquen fara frear este ERTE abusivo.
Non se pode consentir que unha empresa como Repsol, que pechou 2020 con 600 millóns de euros de beneficio, pretenda recortar emprego e cargar nas costas do seu cadro de persoal os custos da crise e da transición enerxética. As administracións públicas non poden quedar de brazos cruzados ante este abuso.
A destrución de emprego industrial en Galicia e na comarca da Coruña está a ser moi preocupante nos últimos anos, coa venda da fábrica de aluminios de Alcoa a un grupo empresarial que actúa como un fondo voitre, e co peche Endesa, Gamesa, Poligal, Isolux… Fronte a isto, non se coñece unha soa reacción da Xunta ou do Ministerio de Industria. Pedímoslles que actúen no caso de Repsol, mentres haxa algunha industria que salvar.