Novas da Marea

18_XulioVota

As primarias ratifican a Xulio Ferreiro como candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña

A lista encabezada polo actual alcalde da Coruña recibiu o apoio de 232 persoas durante a fin de semana das votacións. Emitíronse 15 votos en branco.

A votación que pechou o proceso de primarias da Marea Atlántica, celebrada nos días 15, 16 e 17 de febreiro, ratificou a Xulio Ferreiro como candidato á alcaldía da Coruña nas eleccións municipais do 26 de maio. O proceso desenvolveuse sen ningún tipo de incidencia.

Tras o peche do voto telemático, ás 23.59 horas deste domingo, os resultados son os seguintes:

  • Votos pola candidatura de Xulio Ferreiro: 232.
  • Votos en branco: 15.
  • Total de votos emitidos: 247.
  • Porcentaxe de participación: 38,65%.

Deste xeito, as 20 persoas que acompañaban a Xulio Ferreiro na súa candidatura pasarán a ocupar os 20 primeiros postos da lista electoral da Marea Atlántica. Os nomes que ocuparán os números do 21 ao 27 decidiranse nunha Rede o vindeiro 28 de marzo.

Conforme ao regulamento de primarias, abriuse un prazo de alegacións nos días 19 e 20 de febreiro, que concluíu sen que fora presentada ningunha solicitude. Os resultados definitivos, idénticos aos provisionais, foron proclamados na Rede celebrada o 21 de febreiro.

Un proceso de máis dun ano

Estas primarias conclúen máis dun ano de traballo, especialmente intenso nos últimos dous meses, para fomentar o debate interno, escoitar todas as voces e preservar o espazo político que construímos en 2014. Fronte á lóxica da confrontación na Marea Atlántica procuramos favorecer o consenso e a toma de decisións en común.

 

Estas son as 20 persoas que abren a candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais do 26 de maio:

  1. Xulio Ferreiro: Alcalde da Coruña. Profesor titular de Dereito e maxistrado suplente da Audiencia Provincial de Lugo. Dos Mallos, da Gaiteira e socio do Dépor.
  2. María García: Concelleira de Medio Ambiente.
  3. Xiao Varela: Concelleiro de Rexeneración Urbana.
  4. Silvia Cameán: Concelleira de Xustiza Social.
  5. Alberto Lema: Concelleiro de Economía Social e Emprego.
  6. Claudia Delso: Concelleira de Participación.
  7. Iago Martínez: Xefe de Gabinete da Alcaldía do Concello da Coruña e membro da Coordinadora da Marea Atlántica.
  8. Isabel Faraldo: traballadora do Servizo Galego de Saúde coruñesa dos Mallos e activista en defensa do dereito sanidade pública, gratuíta e universal.
  9. Susana Soneira: Decana do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, e vicepresidenta do Consello Xeral de Graduados Sociais de España.
  10. Javier Pérez: Profesor de Formación e Orientación Laboral no CIFP Anxel Casal – Monte Alto.
  11. Natalia Balseiro: Profesional do eido cultural, durante trece anos na administración pública e outros cinco como independente.
  12. Adrián García Seijas: Formado en Ciencias Políticas e Asesoramento Xurídico en Medio Ambiente. Traballador en precario do telemárketing. Integrante do comité de empresa de Extel na Coruña.
  13. Leticia Barbadillo: Comunicadora e profesora en formación. Activista pola educación pública e os dereitos das persoas diversofuncionais.
  14. Mariano Fernández Cabarcos: Autoempregado da xestión cultural e socio fundador de CUAC FM.
  15. Gema Rivera: Enfermeira e xubilada. De familia de xente do Mar. Sindicalista. Comprometida na comunidade educativa.
  16. Antía Garrote: titulada en Humanidades e traballadora en precario. Vencellada aos movementos estudantís por un ensino público de calidade.
  17. Rubén Pérez: Activista dos dereitos e o benestar animal. Impulsor da eliminación das touradas na Coruña.
  18. Ángeles Huerta: cineasta, profesora da Escola de Idiomas da Coruña, doutora en Literatura Comparada e premio Mestre Mateo 2017 ao mellor documental.
  19. Ricardo Cao: Catedrático de Estatística na UDC, da que foi vicerreitor entre 2012 e 2015. Defensor da universidade pública.
  20. Stephanie Ordóñez: Xornalista. Licenciada en Filoloxía Hispánica. Activista social e ecoloxista.

1 comment

  1. Noraboa. Agardaba ir votar, mais non foi posible, sen embargo o meu voto e os da miña familia xa contas de antemán con eles, para que sigamos tendo melloras importantes na nosa cidade.
    Hai marea¡¡¡

    Responder

Have your say