Saltar ao contido

Xan Xove: “A pesar das nosas advertencias, o equipo de Inés Rey case non lle deu difusión a esta convocatoria mentres estivo aberta. Agardamos que non a levase ao fracaso”

Solicitamos acceso aos datos da convocatoria e faremos unha batería de preguntas escritas de cara ao vindeiro Pleno

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que faga públicos os resultados da convocatoria de compra pública de locais comercias baleiros que forma parte de “Mover os Baixos”, o programa para afrontar o problema dos locais comerciais baleiros impulsado pola Marea Atlántica e incluído nos acordos para a aprobación dos Orzamentos 2022. O prazo de presentación de ofertas rematou o 9 de marzo, tras dous meses aberto, e non hai ningún tipo de información ao respecto. Para atopala había que mergullarse na Plataforma de Contratación do Sector Público e pelexar para atopala. 

Xan Xove, o candidato á Alcaldía da Marea Atlántica, que esta mañá visitou a sede da ONGD Viraventos para coñecer as súas necesidades, afirmou que “estamos ante unha convocatoria dotada cun millón de euros, e necesaria, e que respondía a unha necesidade real da Coruña, a de mobilizar baixos baleiros. Pero, a pesar das nosas advertencias, Inés Rey non a tomou en serio e o Concello practicamente non lle deu difusión nin publicidade. Agardamos que iso non a levase ao fracaso”. En consecuencia, presentamos unha solicitude de acceso ao expediente desta convocatoria, e rexistraremos unha batería de preguntas escritas para o vindeiro Pleno, demandando información sobre o acontecido.

En xeral, o PSOE está a amosar un enorme desinterese por “Mover os baixos”, a pesar de que é unha convocatoria que espertou expectativas tanto entre o pequeno comercio coma no tecido asociativo, e que recibiu grande acollida cando realizamos unha rolda de contactos con varias entidades sociais e veciñais. 

Trato disociado e desigual nas tres liñas de ‘Mover os baixos’

As tres liñas que forman “Mover os baixos” están a recibir un trato disociado e desigual. Como xa dixemos, a convocatoria de compra de locais publicouse case en segredo. A liña de axudas para pemes e persoas autónomas apareceu por separado e anunciouse por nota de prensa, pero sen ningún tipo de campaña ou medidas de apoio. Aínda segue aberta. Finalmente, á altura do 13 de marzo, nada se sabe da terceira liña de “Mover os baixos”, a bolsa de locais en alugueiro —dotada con 600.000 euros— que debería estarse a lanzar a través de EMVSA. 

Reclamámoslle ao goberno municipal información dos resultados da convocatoria do programa “Mover os baixos”