Saltar ao contido

Sumamos iniciativas de xustiza social, dereito á vivenda, igualdade e coidados, para atender aos problemas que non rematan cunha intervención policial 

Atención social, apoio á mocidade e persoas maiores, mediación en rúa e loita contra a discriminación son algunhas das nosas propostas 

O grupo municipal da Marea Atlántica trasladou nos últimos días ao resto dos grupos da Corporación a súa disposición a sumarse a unha iniciativa plenaria conxunta que dea resposta ao malestar veciñal dos Mallos, propoñendo iniciativas de xustiza social, igualdade, coidados e dereito á vivenda. Deste xeito, apostamos por un enfoque integral, con políticas públicas concretas para dar resposta ás carencias dos barrios, esquecidos neste mandato por unha alcaldesa á que lle custa saír de María Pita. 

Deste xeito, en lugar de facer recortes no investimento social, como ocorreu en 2020, propoñemos reforzar o Equipo de Atención Social dos Mallos, e recuperar o seu traballo presencial ao fío da volta á normalidade tras os peores meses da pandemia. Tamén debería crearse un Equipo de Atención Social na Sagrada Familia, para abordar as situacións de vulnerabilidade social neste barrio e desconxestionar o dos Mallos. Ao fío, hai que ampliar e reformar a Renda Social Municipal e as axudas de emerxencia, para chegar aos novos perfís de persoas en exclusión. 

Desde a Marea Atlántica instamos tamén colaborar coas entidades sociais que actúan nos barrios, coa fin de acordar accións conxuntas contra a discriminación e criminalización de colectivos en situación de vulnerabilidade social, entre outras vías de colaboración. 

Desde o Equipo de Atención Social dos Mallos deben afrontarse iniciativas para atender ás persoas maiores e combater a exclusión e a soidade non desexada, sendo un dos barrios máis envellecidos da Coruña. O programa Redeiras para fomentar relacións comunitarias ten que recuperarse, así como lanzar proxectos para o respiro familiar das coidadoras. Suxerimos, ademais, a posta en marcha dun plan destinado a persoas maiores que poidan valerse soas e que desexen ofrecer unha habitación a estudantes universitarios que precisen unha vivenda, para ter axuda mutua.

O barrio dos Mallos podería beneficiarse tamén da creación nos Mallos dun punto de atención do Centro Municipal de Información Xuvenil, e dun foro para que a pobación máis nova poida participar e expresar as súas demandas, carencias e necesidades. 

Proxectos que benefician aos barrios

Así, instaremos ao goberno local a poñer en marcha un Plan Municipal Polo Dereito á vivenda, pensado para aumentar o banco de vivendas municipais en propiedade e alugueiro, lanzar unha bolsa de alugueiro social e reforzar a Oficina Municipal de Vivenda, entre outras cuestións xa aprobadas o 3 de decembro de 2020, nunha moción da Marea Atlántica

Propoñemos a creación do programa Mover os Baixos, para recuperar os locais comerciais baleiros, achegando servizos aos barrios e evitando o deterioro do espazo público. Pode facerse a través de axudas para a posta en marcha de novas actividades económicas e sociais, cunha bolsa de alugueiro e coa compra directa de locais por parte do Concello.

Cómpre unha resposta integral ao malestar veciñal dos Mallos e outros barrios da cidade