Agardamos que Román Rodríguez, quen avalou a mostra en Lalín e participou no catálogo, dea a cara mañá na xuntanza do padroado da Fundación Seoane
Iago Martínez: “Se a Fundación Seoane, que hoxe preside Inés Rey, non serve para protexer o legado do artista, como se xustifican os 350.000 euros anuais que recibe do Concello?”
A Marea Atlántica esíxelle ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que dean unha resposta conxunta e contundente á polémica sobre as presuntas falsificacións de obras de Luís Seoane e Maruja Mallo, destapada hai uns días por eldiario.es. Segundo a información, que está a ter repercusión internacional, a Xunta avalou unha mostra celebrada en Lalín en marzo de 2020, na que se expuxeron 18 obras de Seoane e 17 de Mallo cuxa autenticidade poñen en cuestión varios informes, pese a que xa existían dúbidas no momento de inaugurala. Pedimos a retirada preventiva do catálogo da mostra e un estudo cualificado e exhaustivo das pezas postas en dúbida.
Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e membro do padroado da Fundación Seoane, cualifica o publicado como “de extraordinaria gravidade” e denuncia que o informe que cuestiona a autoría das obras de Seoane foi elaborado por profesionais da propia fundación no verán pasado, pero ocultouse na xuntanza do padroado celebrada en novembro. Nin figuraba na orde do día, nin foi entregado ás persoas que o integran.
Desde a Marea Atlántica xa presentamos varias preguntas de resposta escrita no Pleno, para que Inés Rey, presidenta da fundación, ofreza explicacións sobre este escándalo, como terá que facer no padroado. O organismo reunirase de urxencia mañá, mércores 7 de abril, tras solicitalo publicamente o noso grupo.
Agardamos, ademais, que o conselleiro de Cultura estea presente nesta xuntanza do padroado do que é membro. Román Rodríguez avalou a mostra de Lalín e participou no seu catálogo, polo que agora debe dar a cara e asumir a súa dobre responsabilidade, como representante da Xunta de Galicia e como parte da Fundación Seoane.
“A alcaldesa da Coruña e o conselleiro de Cultura deben dar unha resposta conxunta, áxil e contundente a este caso. O que está en cuestión é o legado de dous artistas fundamentais para a cultura galega e a credibilidade das institucións que deben velar por ese patrimonio común”, sinala Iago Martínez. Esixe, tamén que “o catálogo da exposición se retire preventivamente da circulación, mentres se encarga un estudo cualificado e exhaustivo de todas as obras de Mallo e Seoane sobre as que existan dúbidas”.
A obriga de protexer as obras de Seoane
A razón de ser da Fundación Seoane é protexer o legado de Luís Seoane, así consta no seus estatutos de xeito claro, pero é un cometido que non se está a cumprir, tal e como denunciamos nun rogo oral xa no Pleno do mes de novembro. Inés Rey, máxima responsable da Fundación, debería ter tomado a iniciativa e informado da existencia deste informe ao padroado, en lugar de permanecer de brazos cruzados mentres se exhibían obras de autoría dubidosa. “Se a Fundación Seoane, que hoxe preside Inés Rey, non serve para protexer o legado do artista, como se xustifican os 350.000 euros anuais que recibe do Concello?”, pregúntase Iago Martínez.
Nestes momentos, a Fundación Seoane cumpre o labor de centro cultural e artístico, de grande interese para a cidade sobre todo tras o peche do MAC (aínda sen alternativa), pero non cumpre debidamente coa protección da obra do artista. “A proba, dramática, é que o estado da súa sede, con graves filtracións estruturais, non permite a conservación en condicións óptimas do legado do artista, e tampouco a súa exhibición permanente”, tal e como denuncia o noso vicevoceiro.
Os compromisos incumpridos de Inés Rey
A alcaldesa, como presidenta da Fundación, ten dous compromisos incumpridos a este respecto. Por un lado, licitar a obra de 800.000 euros que permitiría resolver o problema das filtracións. O proxecto quedou feito a finais do pasado mandato, e executalo formaba parte dos acordos entre a Marea Atlántica e o PSOE que permitiron aprobar os orzamentos municipais de 2020. Segue pendente.
O segundo, convocar ao padroado, tal e como se acordou en novembro de 2020, para debater sobre o rumbo da institución. Tampouco o fixo. A convocatoria de mañá será para debater asuntos moito menos edificantes.