O goberno municipal recoñece a ilegalidade da operación urbanística, pero négase a sinalar responsables
Como xa fixo co Conde de Fenosa, o goberno de Inés Rey está a bloquear todas as investigacións nun intento de borrar o desastroso legado urbanístico de Francisco Vázquez
A Marea Atlántica lamenta que o PSOE dea carpetazo hoxe á investigación das graves responsabilidades no desastre urbanístico de Someso, onde unha serie de ilegalidades cometidas durante os gobernos de Francisco Vázquez, foron cifradas en 23 millóns de euros polo Tribunal de Contas. Hoxe, a Xunta de Goberno Local arquiva a revisión de oficio do expediente de Someso, iniciada polo edil do BNG Xosé Manuel Carril en 2013 e impulsada pola Marea Atlántica en 2015 coa incoación do expediente de revisión, sen sinalar responsables, pese a recoñecer que a operación urbanística foi ilegal. A única escusa é que pasou demasiado tempo para facer nada. A ocultación é deliberada, e xa se deixou notar antes.
“Como xa fixera co Conde de Fenosa, Inés Rey está a branquear a herdanza de Francisco Vázquez, xusto o contrario do que prometera en campaña, pese a que sumando estes casos a outros como as expropiacións ilegais do Castro de Elviña, o custo para o Concello supera os 40 millóns de euros”, lembra a nosa voceira, María García. E engade que “nos preocupan os intentos do PSOE por regresar ao urbanismo do pelotazo, como estamos a ver nas Percebeiras”.
Un pelotazo xestado en 1998
A situación remóntase a 1989 cando o Concello da Coruña expropiou varias parcelas en Someso, destinadas a facer una estrada e un campo de fútbol. Pero en 1998, o concelleiro de Urbanismo do goberno de Vázquez, Salvador Fernández Moreda, convenia a recualificación dos terreos aumentando a edificabilidade nun 66% e a intensidade nun 33% respecto do plan anterior.
O máis grave chegou en 2004, con Javier Losada como responsable de Urbanismo, cando o goberno vazquista acordou vender todo o aproveitamento municipal en Someso, a dedo e sen concurso público, ás empresas inmobiliarias que formaban parte da xunta de compensación do polígono. Unha ilegalidade clamorosa, que converteu patrimonio público en beneficios para promotores privados.
O resultado está á vista. Consumado o pelotazo, agora Someso é un barrio aínda por rematar, sen servizos nin espazo público, con gran cantidade de vivendas baleiras e un centro comercial en declive. Ese é o modelo de cidade que nos deixa o vazquismo.