Saltar ao contido

María García: “Solicitaremos acceso ao expediente completo da investigación deste desastre urbanístico que estivo a piques de levar ao Concello da Coruña á bancarrota”

Investigar as responsabilidades é unha obriga legal e formaba parte do acordo de mediación asinado polo goberno de Xulio Ferreiro, que lle aforrou máis de 50 millóns ao Concello.

A Marea Atlántica lamenta que o goberno municipal da Coruña peche a investigación da licenza ilegal do Edificio Fenosa sen sinalar responsabilidades, deixando no aire un asunto que a piques estivo de levar ao Concello á bancarrota. O expediente abriuse en febreiro, no actual mandato, e pechouse sen resultados o pasado mes de agosto, a pesar de que os informes preliminares elaborados no mandato anterior si apuntaban a posibles responsabilidades.

María García, a nosa voceira, declara quefoi o PSOE quen autorizou un edificio ilegal, que puido chegar a custar máis de 50 millóns de euros en indemnizacións, foi a Marea Atlántica a que resolveu o problema recorrendo á mediación, e agora volve ser o PSOE quen pecha a investigación en branco. Soicitaremos acceso ao expediente completo do procedemento, para coñecer os pormenores desta decisión. Posteriormente, levaremos a cabo as medidas que sexan necesarias en defensa do interese xeral”.

O prezo do urbanismo vazquista: 43 millóns de euros

O caso do edificio de Fernando Macías é un claro exemplo do urbanismo á carta que practicaron os gobernos do PSOE, poñendo os intereses dos promotores inmobiliarios por enriba do ben común e mesmo da legalidade.

Por mor doutras chapuzas como as expropiacións do Castro de Elviña ou a recalificación de Someso, o Concello acumula ata 43 millóns de euros en pago de indemnizacións por sentenzas xudiciais contrarias. Un legado que non se pode esquecer nin repetir.

Na precampaña electoral, Inés Rey prometía non ter medo a “depurar responsabilidades pola licenza ilegal do edificio Conde de Fenosa. Pero xa en novembro, aos poucos meses de entrar no goberno, insinuaba que non tiña ningún interese nunha investigación real.

Unha mediación que resolveu 20 anos de litixios

A licenza ilegal do edificio Conde de Fenosa tivo 20 anos de periplo xudicial, e unha orde de derrubo que chegou a ser firme. Entre as indemnizacións e os atrasos puido significar o pago de ata 60 millóns de euros, unha cantidade que o Concello da Coruña non podería asumir sen anular a prestación de servizos básicos.

Foi o goberno de Xulio Ferreiro quen resolveu o problema, a través dun acordo de mediación ratificado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A cambio, iso si, dunha serie de compromisos entre os que se atopa a investigación de responsabilidades que agora o PSOE pecha sen resultados.

A Marea Atlántica lamenta que o PSOE non esclareza as responsabilidades do desastre do edificio Conde de Fenosa