O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña visitou o proxecto Down Experience no quiosco da Praza de Ourense e aposta tamén, no Día Mundial da Síndrome de Down, por unha contratación pública máis inclusiva
Xove: “Son veciños e veciñas da Coruña, non estereotipos. Temos que facer un maior esforzo no apoio ao terceiro sector que traballa neste ámbito e facilitar, coas ferramentas que ten o Concello, a súa incorporación ao mundo do traballo”
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, comprometeuse a traballar, a partir do 28 de maio, de volta no goberno municipal, para incrementar a reserva de emprego público para as persoas con diversidade funcional. Así, no Día Mundial da Síndrome de Down, “as persoas con diversidade funcional son veciños e e veciñas da Coruña, non estereotipos, como di o lema do Día Mundial da Síndrome de Down. Por iso temos que empregar as ferramentas do Concello para facilitar a súa autonomía e integración no mercado laboral”, declara Xove.
O candidato propuxo, tamén, continuar desenvolvendo as cláusulas de inclusión dos contratos e licitacións públicas, reservando postos de traballo para persoas con diversidade funcional, unha práctica que comezou co goberno de Xulio Ferreiro e que pode seguir adiante. Non pode esquecerse que, segundo os datos oficiais da Xunta, na Coruña son 20.000 as persoas con algún tipo de diversidade funcional.
Un exemplo do camiño a seguir é o quiosco Down Experience, situado na Praza de Ourense e xestionado pola asociación Down Coruña, que Xan Xove e outras integrantes da candidatura da Marea Atlántica visitaron esta semana. Alí, reuníronse con Manuel Ávarez Esmorís, vicepresidente de Down Coruña e membro da directiva de Down España, con quen coñeceron o funcionamento deste exitoso proxecto que emprega xa a 18 persoas. “Este quiosco é unha experiencia pioneira e demostra que pode facerse se hai vontade, pero que seguen a existir barreiras, coma as dificultades na formación regrada das persoas con síndrome de Down que se incorporan ao emprego”, explicou o candidato.
Neste sentido, Xove fixo un chamamento a colaborar máis estreitamente desde o Concello coas entidades do terceiro sector que traballan na integración da diversidade, e que, lamentablemente, seguen a agardar a que o goberno de Inés Rey renove os convenios que caducaron en xaneiro, ao non ter orzamentos municipais este ano.