O acordo para que o Concello xestione o Colón, asinado en tempos de Xulio Ferreiro, caduca o 31 de decembro sen que se saiba nada da súa renovación
Iago Martínez: “Reclamamos, tamén, que se aproveite a renovación para mudarlle o nome polo de Teatro María Casares, pois en 2022 cúmprese o centenario da actriz”
A Marea Atlántica urxe aos gobernos do Concello e a Deputación da Coruña a renovar canto antes o convenio que lle cede á xestión do Teatro Colón á entidade municipal, que caduca este 31 de decembro. O teatro leva sen directora desde o mes de abril, e agora está a piques de quedar sen o marco legal que permite a súa xestión desde o municipal. “É difícil de entender que a falta de 20 días para que remate o convenio, non saibamos nada da súa renovación, e máis aínda cando xa hai que tramitar servizos e programación para o ano que vén. Instamos a recuperar o acordo o antes posible, nas mellores condicións e coa máxima duración”, salientou o vicevoceiro da Marea Atlántica. E sumou a proposta de aproveitar este novo período para mudarlle o nome polo de Teatro María Casares.
María Casares, actriz coruñesa de renome internacional, tería cumprido 100 anos en 2022. Durante moitas décadas a censura franquista ocultou o seu nome, polo que agora sería de xustiza renderlle unha homenaxe nun dos principais equipamentos culturais da cidade. Recollemos así unha proposta lanzada polo poeta, editor e ex-deputado Miguel Anxo Fernán Vello.
Trámites sen convenio
No último Consello Reitor do IMCE, celebrado o 3 de decembro, déuselle trámite a varios contratos para tarefas de limpeza e programación cultural do teatro en 2022, gastos que asume o Concello sen ter garantida a continuidade da xestión. A eficacia destes contratos, de feito, queda condicionada á renovación do convenio.
O Teatro Colón é propiedade da Deputación Provincial, e estivo durante anos xestionado por unha empresa privada. En 2018, o alcalde Xulio Ferreiro asinou o primeiro convenio que puxo esta xestión en mans municipais, e permitiu coordinar a súa programación coa do Teatro Rosalía. É o momento de renovar este acordo nas mellores condicións posibles.