Saltar ao contido

En cumprimento dunha emenda do noso grupo, o concelleiro de Urbanismo presentará mañá o estado de execución da estratexia EDUSI Coruña, deseñada no pasado mandato, cando obtivo 15 millóns de euros da UE para beneficiar á cidade

O goberno local renderá contas mañá do estado de execución e xestión dos proxectos incluídos na estratexia EDUSI Coruña, que deseñou o equipo de Xulio Ferreiro e que no pasado mandato obtivo 15 millóns de euros en fondos europeos para investir na cidade. Así, comeza a dar contas á oposición dos avances nestes proxectos, en cumprimento da emenda que a Marea Atlántica presentou no pleno do mes de xullo, e que foi aprobada por unanimidade. 

A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) é moito máis ca unha serie de investimentos na cidade, é un plan para unha Coruña máis humana, máis sustentable e mellor para vivir. E, debido á decisión de Inés Rey de non aprobar un orzamento en 2021, está a permitir as únicas transformacións urbanas reais. Agora ninguén a discute, pero no pasado mandato chegou a recibir ataques furibundos e inxustificados da oposición, tamén do PSOE. 

Dentro destes proxectos, inclúense iniciativas coma a humanización do espazo público, reformas nos mercados (como a de San Agustín), a redución de emisións contaminantes, novas zonas verdes ou a creación dun Observatorio de Igualdade.Todas elas foron deseñadas polo goberno da Marea Atlántica, que levou a súa aprobación ao Pleno, sen ter obriga de facelo, e creou unha comisión especial para que todos os grupos do Concello puidesen participar na súa confección e fiscalizar o seu desenvolvemento. Inés Rey fai ben en recuperar esta práctica de transparencia que deixara esquecida. 

O goberno de Xulio Ferreiro conseguiu ata 25 millóns da UE

Cómpre lembrar que, entre 2015 e 2019, no mandato de Xulio Ferreiro, a Coruña conseguiu acceso a máis fondos europeos que con ningún outro goberno. Aos 15 millóns da EDUSI hai que sumarlle ás convocatorias de adaptación de edificios intelixentes ou o proxecto das hortas urbanas, entre outros. En total, 25 millóns de euros da Unión Europea para beneficiar á cidade da Coruña e á súa veciñanza. 

Celebramos que o goberno volva render contas ante a oposición dos proxectos financiados con fondos europeos DUSI