Saltar ao contido

O Concello ten que mobilizar o seu superávit para reforzar os servizos sociais e atender ás persoas que están a quedar sen recursos por mor da pandemia

A Marea Atlántica solicítalle ao goberno municipal que flexibilice os criterios da Renda Social Municipal e amplíe os fondos dispoñibles, para poñela a disposición de todas as persoas que vexan reducidos os seus ingresos durante esta crise e poidan estar en situación de vulnerabilidade. O mesmo debe ocorrer con outros servizos como as axudas de emerxencia, a Axuda a Domicilio, o Talón Restaurante ou as bolsas comedor, para consolidar un Plan de Choque Social de proximidade. Deben dotarse de fondos e aumentar o persoal que os xestiona –empregando as vías dispoñibles– para axilizar os trámites e evitar atascos nas solicitudes e garantir que a axuda chega a quen a precisa, e chega no tempo debido.

En paralelo ás medidas que está a aplicar o Goberno do Estado, é necesario que o Concello da Coruña mobilice os seus recursos e competencias para facerlle fronte a esta emerxencia que non só é sanitaria, tamén social. Moitas persoas están a quedar sen ingresos, en risco de perder a vivenda ou de non poder pagar ou necesidades básicas de alimentación e  subministros. Ante iso, o Concello, a institución máis próxima a veciñanza, ten que ampliar a súa rede de apoio.

Por un Plan de Choque Social de proximidade

O Concello da Coruña ten superávit, está saneado, e debe mobilizar os seus recursos para protexer a veciñanza da exclusión e a desigualdade, en liña coas demandas que en todo o Estado realizan diferentes movementos sociais. Un superávit que, despois de décadas bloqueado polas normas austericidas, debe agora beneficiar á cidade.

Trasladámoslle estas propostas ao goberno municipal xa o 18 de marzo, como parte dunha batería de 25 medidas, que reiteramos e ampliamos esta semana. Segundo pasan os días, cada vez se fai máis necesaria a súa implantación. Non repitamos os erros de hai unha década e poñamos ás persoas no centro.

Ampliemos a Renda Social Municipal fronte a crise do coronavirus