Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “É responsabilidade das Administracións, tamén das locais, garantir ingresos mínimos suficientes para a vida como dereito fundamental”

Martiño Noriega: “Queremos converter Galicia nun referente dentro do Estado na análise e posta en marcha de novos modelos de política social”

A candidatura Galicia en Común-Anova Mareas presentou unha proposta para transformar unha Risga escuálida e insuficiente nunha Renda Garantida para a Cidadanía Galega, compatible co Ingreso Mínimo Vital do Estado e que amplía coberturas e recursos para avanzar como sociedade con políticas inclusivas que combatan a desigualdade no país e non sitúen como referente co horizonte posto nunha renda básica de cidadanía de carácter universal.

O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino presentou esta proposta nun acto no que estaban representantes dos anteriores goberno municipais de Santiago e da Coruña, concellos precursores no conxunto do Estado en aprobar rendas sociais municipais cos goberno de Compostela Aberta e Marea Atlántica. “Galicia merece un novo modelo de políticas sociais que coide e atenda as necesidades reais da súa xente. A Renda Garantida para a Cidadanía Galega será un obxectivo central do futuro Goberno galego a partir do 13 de xullo”, afirmou Gómez Reino, durante o coloquio no que se presentou a proposta da Renda Garantida para a Cidadanía Galega, que se inspira nas rendas sociais municipais postas en marcha polos gobernos municipalistas da Coruña e Compostela.

A proposta establece como beneficiarios aos maiores de 18 anos, empradoados en Galicia nos ulimos seis meses e valorando os requisitos individuais, non os de convivenvia. Ao tempo, propón ampliar os fondos do Plan Social contra a Desigualdade (na actualidade de só 20 millóns de euros), así como a súa programación, obxectivos e contidos.

Os modelos da Coruña e Compostela

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña no pasado mandato,  manifestou que “é responsabilidade dos poderes públicos, tamén desde a responsabilidade das Administracións locais, actualizar e adecuar a contía das prestacións mínimas á situación socioeconómica da contorna e garantir ingresos mínimos suficientes para a cobertura das necesidades básicas e o exercicio dos dereitos fundamentais”.

Ferreiro indicou que “os gobernos municipalistas abriron camiño con moito esforzo e moito en contra, creando as rendas sociais municipais. Na Coruña, chegou a centos de fogares e foi a punta de lanza do goberno da Marea Atlántica na loita contra a desigualdade, que puxemos no centro e levounos a ser a cidade galega con maior gasto social po habitante”.
A finais de 2018 foron 323 fogares e 543 persoas as beneficiadas por esta renda.

No coloquio, tomou a palabra Martiño Noriega, alcalde Santiago que impulsou a Ordenanza Municipal de Garantía Básica na capital de Galicia, insistindo na urxencia de implementar a Renda Garantida da Cidadanía Galega para sustituir a RISGA durante a lexislatura. “Queremos converter Galicia nun referente dentro do Estado español no debate, análise e estudo experimental de novos modelos de política social como, entre outros, a Renda Básica Universal, implicando, tamén as tres universidades galegas no proxecto”.

Tamén participou, Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais no Goberno de Compostela Aberta que explicou no acto que “é evidente que a Risga é insuficiente: pola súa excesiva burocracia, porque é concibida como un teito e polo tanto é incompatible con outras axudas, pola súa escasa contía, e porque non está considerada como un dereito individual senón que depende da unidade de convivencia, e iso obriga a convivencias e dependencias perigosas”. Concha Fernández apuntou que “estas deficiencias na Risga foi o que impulsou a CA a poñer en marcha un novo instrumento no Concello de Santiago, que garantira realmente unha vida digna, que mereza ser vivida”.

O debate foi presentado por Inés Cebreiro, da Marea Atlántica e candidata, e foi moderado por Saínza Ruiz, tamén candidata e ex concelleira de Servizos Sociais do goberno de Ferrol En Común que subliñou a urxencia de mudar, simplicar e axilizar os procedementos de acceso e concesión das axudas.

Once anos de retrocesos sociais co PP en Galicia

Gómez Reino engadiu que estes once anos de goberno do Partido Popular supuxeron un profundo retroceso nas políticas sociais deste país, unha situación que se viu agravada por esta pandemia da Covid19 crise que deixou a milleiros de galegas e galegos nunha situación insostible que o escuálido modelo de política social da Xunta, baleirado de recursos, persoal e dotación non foi capaz de afrontar nin o intentou”.

A este contexto, -manifestou Gómez Reino-, hai que engadir tres meses de pandemia no desgoberno de Feijóo, que no canto de exercer as súas competencias para ampliar o escudo social estivo preparando a fondo a súa estratexia electoral deixando ben as claras as súas prioridades: montar un comité de expertos económicos para privilexiar aos de sempre, como xa fixo no 2008 antepoñendo a banca ás persoas; “Agora pretende acalar as protestas dos sanitarios que puxeron o corpo na loita contra a Covid19 en condicións precarias con cheques de 250 euros”, apuntou Gómez Reino.

“É inmoral e nos avergoña. A Sanidade Pública merece recursos, non subornos. A cidadanía galega merece un Goberno na Xunta que non deixe a ninguén atrás e o camiño pasa, tamén, por transformar unha Risga cativa nunha ferramenta inclusiva para desterrar a desigualdade”, sinalou o candidato. “Esta Renda Garantida deberá eliminar as incompatibilidades e trabas que existen hoxe coas rendas municipais e tamén complementarse e compatibilizarse co novo Ingreso Mínimo Vital (IMV) de carácter estatal, sempre co horizonte posto na implementación progresiva dunha renda básica de cidadanía de carácter universal”, manifestou o candidato.

A proposta de Galicia en Común-Anova Mareas pasa por modificar a lei para transformar unha RISGA raquítica e insuficiente nunha Renda Garantida da Cidadanía Galega, que se situaría no entorno do 60% do salario medio, facéndoa compatible con outras rendas e prestacións e facilitando o acceso de persoas en situación de vulnerabilidade pero agora excluídas; ao tempo, se incrementarían orzamento e a contía das axudas, e reforzando o persoal administrativo para evitar atrasos na tramitación de expedientes e simplificando os procedementos burocráticos anacrónicos e asistencialistas nos que se fundamenta unha Risga insuficiente e desfasada.

Ao remate do ano 2018, 128 persoas recibían a Renda de Garantía Básica Municipal. Ademais, máis de 200 eran beneficiarias das Prestacións de Rescate Social tamén contempladas na ordenanza aprobada por Compostela Aberta, nas súas diversas modalidades; necesidades básicas, habilitabilidade e pobreza enerxética, equipamento básico, dependencia/discapacidade, dereito á educación, saúde bucodental ou outros gastos. “Non é posible unha vida digna con 400 euros”, concluíu Fernández.

Gómez Reino: “A nova Renda Garantida para a Cidadanía Galega inspirarase no modelo das rendas municipais da Coruña e Compostela”