Xulio Ferreiro: “A concesión da ORA e da grúa debe ser analizada e, se procede, remunicipalizada”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña critica que se vaia adxudicar a concesión días antes dos comicios e lembra que a externalización a Vendex acabou provocando “o escándalo de corrupción da Pokémon na que está mergullada máis da metade da Xunta de Goberno Local”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, criticou este venres a deriva que tomou a concesión municipal da xestión da ORA e da grúa e puxo sobre a mesa a posibilidade de que sexa o Concello quen volva xestionar de forma directa ambos servizos. “Desde a Marea propoñemos neste caso, así como noutros que poidan ser semellantes, analizar a fondo o estado da concesión do servizo de ORA e, dependendo da situación da licitación do contrato, valorar a súa remunicipalización”.

“Non aplicamos dogmas, pero temos claro que o Concello conta con persoal cualificado e capacidade de xestión e que demasiados exemplos teñen demostrado que a privatización non supón unha mellora para a cidadanía, cuxos intereses son os que priman para a Marea, non os dos negocios particulares”, indica Ferreiro, que engade: “O servizo de control das zonas ORA foi adxudicado a Vendex mediante un contrato completamente contrario a calquera racionalidade, xa que cobre todas as posibles perdas e facilita a contratación directa e clientelar de traballadores e traballadoras, capacidade de decisión que caeu en malas mans e deu lugar aos procesos de corrupción máis coñecidos da cidade, o da Pokémon e a súa derivada Pikachu, polos que está a ser investigado ou está imputado máis da metade da Xunta de Goberno Local do señor Negreira, ao que autos xudiciais incluso citan como posible coñecedor da trama. Isto non pode volver a suceder”.

“A concesión remata en maio, polo que non é procedente que, como está a pasar, se volva adxudicar o servizo antes dunhas eleccións municipais que poden representar un gran cambio no Concello da man da Marea Atlántica”, sinala o cabeza de lista da plataforma cidadá, que propón que “sexa o novo Pleno da Corporación o que decida a forma de xestión do servizo da ORA e da Grúa, xa que ten esa competencia, para o cal o goberno municipal debería desistir do actual procedemento e ordenar a prórroga forzosa temporal do presente contrato ata que o concello decida e poida asumir a xestión directa do servizo, algo que se faría no menor prazo posible, posto que Vendex non pode seguir co mesmo nin un minuto máis do necesario para recuperar esta concesión para o ben público”, asegura Ferreiro.