Saltar ao contido
María García

María García: “A Coruña sofre o exceso no uso do coche. A única forma de solucionar este problema é que o servizo de transporte público deixe de ser refén de intereses privados”


A cidadanía da Coruña leva décadas pagando o billete do bus moi por riba do seu custo real. Non pode admitirse unha nova suba de tarifas para seguir engordando os beneficios excesivos da Compañía de Tranvías

A voceira da Marea Atlántica, María García, pediulle hoxe ao goberno local, en rolda de prensa, que comece a estudar a municipalización do servizo de bus urbano na Coruña para poñela en práctica cando remate a concesión actual, en 2024. No Pleno de xaneiro presentaremos unha moción sobre este asunto, na procura dunha maioría en favor do transporte público.

Tal e como sinalou García, “a mellora do transporte público, en frecuencias, cobertura e enlaces metropolitanos, é a única resposta aos problemas de mobilidade na Coruña. Vivimos nunha península na que, ademais dos coches censados no concello, entran uns 120.000 vehiculos máis ao día procedentes da área metropolitana. E iso non se resolve por moitos carrís que poña en Alfonso Molina, só se traslada o atasco de sitio. A única solución é máis e mellor transporte público”. 

Mentres chega a fin da concesión, a nosa voceira reclamoulle ao goberno de Inés Rey que non ceda ás presións da concesionaria, e que avance nas medidas pendentes, como os descontos para maiores de 65 anos e menores de 25 anos que forman parte do acordo de investidura coa Marea Atlántica. Tamén cómpre impulsar a creación dunha autoridade única de transporte metropolitano, que permita ter liñas de bus que vertebren a cidade real: a do concello da Coruña cos concellos veciños. 

A autoridade única de tranporte foi reclamada pola Mesa de Alcaldías no pasado mandato e asumida por Inés Rey na actualidade. “É necesario que concellos e Xunta colaboren na integración das distintas liñas de transporte, e vai ser un punto decisivo na proposta de Lei de Área Metropolitana que levaremos ao Parlamento de Galicia a comezos do ano que vén, en cumprimento do acordado co PSOE”, sinala García.

A baixada de tarifas no pasado mandato foi a única medida real de fomento do transporte público que se tomou na Coruña nunha década. E traduciuse nunha marca histórica de viaxes, 23 millóns, mentres a Compañía de Tranvías mantiña os seus benecifios por enriba dos tres millóns de euros. Aínda así, a empresa optou por xudicializar a cuestión só para manter os seus privilexios. “Cando o beneficio privado é o único obxectivo, non se pode mellorar realmente o servizo de bus, temos que apostar por unha xestión 100% pública”, reflexionou María García. 

Vai rematar a concesión coa que Francisco Vázquez deixou durante 40 anos  o transporte público en mans dunha empresa privada como a Compañía de Tranvías, que leva desde 2014 sen renovar a frota, que se resiste a calquera cambio para mellorar o servizo, e cuxas únicas propostas teñen que ver con subir prezos para lucrarse aínda máis.

Tranvías e o sobrecusto do bus na Coruña

María García valorou, tamén, a reclamación da Compañía de Tranvías para subir un 18,3% o prezo do bus o próximo ano, que definiu sen paliativos coma “unha chantaxe dunha empresa privada que pretende facer presión para gañar aínda máis cartos a custa dun servizo público coma o transporte, unha chantaxe a que agardamos que o goberno local no ceda”. 

A nosa voceira lembrou que segue pendente a sentenza definitiva do Tribunal Supremo sobre a baixada de tarifas que aplicou o goberno de Xulio Ferreiro. Pero que nin sequera o fallo do TSXG, contrario a esta medida, pon en dúbida que o beneficio de Tranvias é excesivo. 

Na última década, a empresa gañou entre 2,8 e 4,6 millóns ao ano. Tivo perdas en 2020, pola COVID, pero  van quedar sobradamente compensadas polos 5,4 millóns que recibirá en axudas do Estado. E, con estas cifras, leva desde 2014 sen renovar a frota de autobuses. Unhas cifras excesivas para un servizo público e contrarias ao dereito europeo. 

Isto sinalárono tres informes encargados polo goberno anterior antes da baixada do billete, informes da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, a Universidade da Coruña e a asesoría xurídica municipal. O interese xeral para por  evitar un sobrepago na prestacion dun servizo esencial que abonamos todas e todos. 

Propoñemos ao goberno municipal que aposte pola remunicipalización do bus urbano a partir de 2024