O goberno local desaproveita o traballo realizado no mandato anterior para facer pública de todas as bibliotecas locais, incumprindo unha moción da Marea Atlántica aprobada en setembro de 2019 e o seu acordo de investidura co BNG
O goberno de Inés Rey foi onte fiel a dous dos seus costumes: empregar o Pleno para facer anuncios (a falta de asuntos de xestión) e rachar promesas. Na sesión plenaria deste 14 de xaneiro, o portavoz do goberno, José Manuel Lage, avisou de que se asinará un novo contrato para manter en mans privadas as bibliotecas do Centro Ágora, o Fórum Metropolitano, a Sagrada Familia, Os Rosais e Durán Loriga. Incumpre así unha moción da Marea Atlántica, aprobada no Pleno do 12 de setembro de 2019 cos votos do PSOE e o BNG, e incumpre o acordo de investidura que asinou no seu día co nacionalista Francisco Jorquera.
Deste xeito, o executivo local desaproveita o traballo xurídico realizado polo goberno de Xulio Ferreiro para municipalizar estas bibliotecas. Xa tentou facelo en agosto de 2019, cando retirou a encomenda a EMVSA para xestionalas de xeito público e asumir os postos de traballo, rectificando en 24 horas para anunciar que retomaría o proceso. Era falso. No ano e medio transcorrido, non se produciu ningún avance.
Cómpre lembrar que durante o goberno da Marea Atlántica puxeron todos os obstáculos posibles á remunicipalización, chegando a votar en contra no consello de administración de EMVSA xunto co PP e ante unha inexplicable abstención do BNG. E agora Inés Rey confirma que nunca tivo intención de respectar os acordos para defender a xestión municipal directa e integral do servizo de bibliotecas e superar así un modelo desigual, caro e dubidoso, posto en marcha por anteriores gobernos do PSOE.
Renunciar á municipalización supón renunciar a melloras na atención á cidadanía, maiores garantías de emprego e ao aforro de 300.000 euros anuais ao eliminar as intermediarias privadas. Ante esta situación, chama a atención a compracencia do BNG, que no Pleno se interesou pola cuestión. Mutismo que se produce poucos días despois de ampliar o seu pacto co PSOE con compromisos xa coñecidos e nunca materializados.
Convidamos a Inés Rey a recapacitar e apostar pola xestión pública dos servizos municipais. Na Rede de Bibliotecas e en todos os eidos nos que sexa posible. Por exemplo, no Polideportivo de San Diego, poñendo fin a un contrato caducado e aos abusos dunha empresa que incumpre sistematicamente as condicións da concesión.