Segundo os últimos datos, no estado existen 400.000 persoas con problemas de ludopatía, das que o 46% son menores de 26 anos. O impacto é maior nas persoas con menos recursos
O goberno local debería estudar todas as vías para limitar a apertura de casas de apostas, especialmente preto de centros escolares, deportivos e outros lugares frecuentados por menores de idade
A Marea Atlántica quere amosar o seu completo rexeitamento ao negocio do xogo, unha práctica perigosa e con enorme impacto social, e lamenta que a apertura da nova sede de Luckia na Coruña sexa recibida con coma unha boa nova, oculta baixo un disfrace de suposta innovación tecnolóxica. Ter na cidade unha oficina dedicada a explorar novas formas de fomentar a adicción ao xogo on-line debe ser motivo de preocupación, non de aplauso.
Neste sentido, o noso grupo pedirá acceso ao expediente completo que autorizará as obras da nova sede, para fiscalizar o proceso ao máximo. E instamos ao Concello, a Xunta e o Estado a tomar medidas para controlar a expansión de casas de xogo e apostas en liña, e tomar medidas de prevención ante a ludopatía.
Segundo os últimos datos ofrecidos pola Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados (Fejar), no Estado existen 400.000 persoas con problemas de ludopatía, das que un 46% son menores de 26 anos. Ademais, a Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados advirte de que o xogo on-line e as apostas deportivas experimentaron un “preocupante incremento” durante a pandemia, ao tempo que a idade media das persoas xogadoras é cada vez menor.
Límites ao sector do xogo
A nivel local, o Concello debería estudar prohibir a apertura de locais de apostas preto de escolas, centros deportivos e outros lugares frecuentados por menores de idade, unha medida para a que o goberno local pode contar co noso apoio. Xa presentamos unha emenda neste sentido en novembro de 2020, pero foi rexeitada sen motivos claros e sen apenas debate.
É necesario estudar todas as vias legais para limitar este negocio que se enriquece co fomento da adicción, desde o urbanismo, a fiscalidade, o control da publicidade en medios e nos espazo público… E tamén ampliar as actividades preventivas contra a ludopatía, especialmente as dirixidas á mocidade, ofrecendo alternativas. O impacto de anuncios e casas de apostas é especialmente grave nos barrios obreiros, onde xa se dá unha carencia de opcións de ocio saudable
A ludopatía afecta á poboación máis vulnerable
A ludopatía, é un trastorno médico e psicolóxico que consiste na perda do control no comportamento en relación ao xogo. Ten graves consecuencias persoais, problemas académicos, familiares, laborais, económicos, sociais e legais asociados. Afecta principalmente á poboación máis vulnerable, á que non pode acceder a un traballo estable dado o alto índice de desemprego, e arrisca a súas rendas nas apostas para tentar mellorar a súa situación económica pola vía dos xogos de azar. Algo que nunca sae ben. Por iso, por todo o exposto, é tan importante regular e controlar o crecemento de casas de apostas e o xogo on-line, irresponsablemente legalizado polo goberno de Mariano Rajoy.