Saltar ao contido

María García: “Os pisos turísticos medraron un 67% desde marzo de 2020, e xa se ofertan máis na Coruña que alugueres convencionais. Canto ten que incharse a burbulla para que este goberno reaccione?” 

O pacto entre a Marea Atlántica e o PSOE para a aprobación dos Orzamentos 2022 inclúe nove millóns para políticas de vivenda que o goberno ten parados

A Marea Atlántica amosa a súa sorpresa e preocupación porque o goberno local anuncie alegremente na prensa a súa vontade de incumprir acordos, e quere instar á alcaldesa, Inés Rey, a respectar o pactado a finais de 2021 en materia de dereito á vivenda. As declaracións do executivo afirmando que as vivendas turísticas “non son unha ameaza para o sector turístico” resultan un erro e unha mostra de falta de visión, como explica a nosa voceira municipal, María García: “O impacto dos pisos turísticos hai que buscalo no seu desastroso efecto para o dereito á vivenda, non só para os hoteis tradicionais. Regulalos é urxente, ademais dun compromiso co noso grupo. O goberno ten que rectificar”.

“Lembremos algúns datos: na Coruña hai 653 vivendas turísticas rexistradas, un 22% máis que en agosto do ano pasado, e un 67% máis que en marzo de 2020, cando comezou a pandemia. Nestes momentos, a oferta deste tipo de aloxamentos é maior que a dispoñible para vivendas habituais en aluguer. Pretender que o problema non existe é unha cegueira grave”, argumenta García. Paralelamente, datos do Observatorio Galego da Vivenda sinalan que A Coruña foi en xullo a cidade galega co prezo medio máis alto no aluguer: 561 euros ao mes, un 7,2% máis que en 2021.

Rexistraremos unha batería de preguntas de cara ao próximo pleno para coñecer máis ao detalle a situación das vivendas turísticas e o número de licenzas outorgadas polo Concello.

Os concellos poden e deben actuar

Non hai que ir moi lonxe para comprobar que os concellos teñen capacidade para frear a proliferación dos pisos turísticos. Oleiros deixou de darlles licenza e conseguiu reducir a súa presenza nun 7% en 2021, rachando a tendencia xeral ao aumento. Tamén Santiago de Compostela, onde o impacto desde modelo é evidente, está a localizar e multar ás vivendas de uso turístico sen licenza. Hai varias posibilidades para regular o uso turístico da vivenda, pero ningunha consiste en quedar de brazos cruzados e pasarlle a pelota á Xunta.

A presenza intensiva de vivendas turísticas ten un impacto moi negativo nas cidades, por iso os concellos máis afectados están a facer esforzos para regulalas. Aló onde se instalan, inchan o prezo dos alugueiros, ata o punto de expulsar á veciñanza dos barrios. Crean bloques pantasma que permanecen deshabitados boa parte do ano, fanlle a competencia desleal ao sector hoteleiro e mesmo se asocian con problemas de convivencia e ruido.

Preocupación pola falta de avances en políticas de vivenda

Nesta liña, a Marea Atlántica quere amosar a súa preocupación pola parálise das políticas municipais de vivenda e a falta de avances no  acordo sobre dereito á vivenda asinado en decembro de 2021 entre o goberno local e o noso grupo. Este pacto permitiu que no Orzamento de 2022, aprobado grazas aos votos da Marea Atlántica, haxa 9 millóns de euros reservados para políticas públicas de vivenda.

Medidas coma a a compra de inmobles e soares (2 millóns de euros), a construción e promoción de vivenda pública (3,6 millóns de euros) e o aumento das axudas á rehabilitación (incremento previsto dun 20%) están en paradoiro descoñecido a falta de catro meses para rematar o ano. Máis alá do evidente incumprimento dos acordos, desaproveitar recursos públicos nunha materia tan importante coma o dereito á vivenda semella unha grave irresponsabilidade no contexto actual.

O goberno da Coruña ten que cumprir o acordado e iniciar xa a regulación dos pisos turísticos