Reclamámoslle ao goberno de Inés Rey a regulación dos pisos turísticos na Coruña, en cumprimento do acordo polo dereito á vivenda
Urxe tomar medidas para controlar a proliferación de arrendamentos turísticos, cuxa oferta xa supera a do aluguer para vivendas habituais na Coruña
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que cumpra o acordo sobre políticas de vivenda asinado en decembro de 2021 e poña en marcha a regulación dos pisos turísticos para impedir que a cidade padeza o impacto da súa proliferación sen control e do seu uso intensivo.
Esta semana vén de coñecerse que na cidade xa existen 579 vivendas en alugueiro vacacional, mentres que os dispoñibles para arrendar como residencia habitual superan por pouco o medio millar. Así, mentres a xente ten problemas para acceder a un fogar digno, temos case 600 pisos destinados ao mercado turístico.
A presenza intensiva de vivendas turísticas ten un impacto moi negativo nas cidades, por iso os concellos máis afectados están a facer esforzos para regulalas. Aló onde se instalan, inchan o prezo dos alugueiros, ata o punto de expulsar á veciñanza dos barrios. Crean bloques pantasma que permanecen deshabitados boa parte do ano, fanlle a competencia desleal ao sector hoteleiro e mesmo se asocian con problemas de convivencia.
Medidas polo dereito á vivenda
O acordo sobre o dereito á vivenda amosou xa a súa vertente máis inmediata, a inclusión de medidas por valor de 9 millóns de euros nos Orzamentos 2022, aprobados definitivamente hai unha semana. Medidas como ampliar a bolsa de alugueiro social, a compra de inmobles e soares para a promoción de vivenda pública e o aumento das axudas á rehabilitación, entre outras cousas que deben comezar a executarse.
Pero é necesario ir máis alá, e renovar as políticas de vivenda do Concello nun sentido amplo, para achegalas máis ás necesidades da xente e menos ás do mercado inmobiliario. E iso pasa, de xeito inmediato, por poñerlle límites á proliferación de pisos turísticos.