Saltar ao contido

Levamos unha moción para esixir que o goberno municipal cree unha bolsa de alugueiro social, reforce as axudas á rehabilitación e amplíe os convenios contra o senfogarismo, entre outros compromisos pendentes

O goberno do Estado debe respectar a promesa aos movementos sociais e abordar con firmeza a regulación dos alugueres, pensando tamén en cidades como A Coruña, non só en Madrid e Barcelona


O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no Pleno deste xoves, 9 de abril, unha moción para reclamar medidas que garantan o dereito á vivenda, moi ameazado pola crise derivada da pandemia e pola falta de políticas reais que o reforcen. A única propostas do goberno municipal semellan ser os ladrillazos en Percebeiras ou nos peiraos interiores, repetindo os erros da burbulla inmobiliaria. O pasado demostrou que construír sen medida non fai máis que encarecer a vivenda e roubar espazo público nas cidades. Por iso, esixímoslle ao goberno do Estado que cumpra a promesa de regular os prezos do aluguer, e a Inés Rey que respecte os acordos da Corporación en materia de vivenda. 

Deste xeito, pedimos que se respecteo o prometido aos sindicados de inquilinas e á Plataforma de Afectadas pola Hipoteca (PAH) e se “aborde con firmeza a regulación dos alugueres  mediante mecanismos que estean adaptados, ademais, ás necesidades de municipios como o da Coruña” e non só a grandes cidades como Madrid e Barcelona. 

Ao goberno municipal correspóndelle poñerse a traballar e cumprir os moitos acordos que ten pendentes, comenzando pola bolsa de alugueiro social prevista nos pactos entre a Marea Atlántica e o PSOE para o primeiro ano de mandato e a aprobación dos Orzamentos 2020. Tamén, en virtude de varias mocións aprobadas no Pleno, debe reforzar as axudas á rehabilitación de vivendas e inmobles, reactivar a Oficina Municipal de Vivenda e impulsar, da man de todos os grupos da Corporación, un Plan Municipal de Vivenda.

Convenios pendentes contra o senfogarismo

Na mesma liña, esiximos que se reforce programa de senfogarismo creado polo goberno da Marea Atlántica, aumentando os fondos para o convenio con Housing First  e reforzando a colaboración con entidades como Provivenda. Era a proposta que a Marea Atlántica realizou para mellorar o anexo de subvencións nominativas do Concello, pero que foi vetada de xeito ilegal pola alcaldesa, nunha cacicada que levamos ao xulgado. A 5 de abril, os convenios seguen sen asinar. 

A moción lembra que a memoria municipal de Servizos Sociais de 2019, a última dispoñible, identifica 435 persoas en situación de rúa na nosa cidade, 369 homes e 66 mulleres, en distintos graos de senfogarismo. Hoxe os recursos son insuficientes e as entidades sociais están desbordadas polo incremento dos casos durante a pandemia, tal e como recoñeceu hai pouco o propio goberno municipal.

Finalmente, reclamámoslle á Xunta de Galicia que aumente os fondos para vivenda protexida nos seus Orzamentos de 2021, que baixou con respecto a anos anteriores. Tamén debe aplicar o acordo unánime do Parlamento de Galicia que, o 1 de abril de 2019, pedía a regulación das vivendas baleiras para aplicarlles un recargo no IBI. Na Coruña aprobámolo en 2015, pero non se poderá facer efectivo ata que Feijóo faga o seu traballo. 

Reclamaremos no Pleno a regulación dos alugueiros e o cumprimento das medidas de vivenda acordadas en María Pita