Saltar ao contido

Procuraremos o apoio de todos os grupos á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o 14 de novembro en Santiago de Compostela

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no Pleno de outubro, unha moción en defensa do dereito á saúde e contra os recortes na Atención Primaria, que están a deteriorar a sanidade pública e deixar a moitas persoas practicamente sen asistencia. Ante isto, reclamamos que a Xunta incremente en 2022 os fondos destinados a reforzar o Servizo Galego de Saúde e darlle apoio desde o Concello á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o 14 de novembro en Compostela. 

Reclamamos, igualmente, que o goberno municipal impulse unha declaración desde o Consello Local pola Saúde, “na que se recolla a urxente necesidade dun plan de choque na atención primaria da Coruña ante a situación de colapso”. A Comisión de Atención Primaria da área sanitaria de A Coruña mantivo nas últimas semanas varias concentracións para denunciar o deterioro das condicións de traballo das profesionais, a sobrecarga asistencial e que non se están a cubrir as baixas 

“Os recortes que Feijóo fixo caer sobre a sanidade pública desde que é presidente da Xunta sumáronse á Covid-19 para deixar ao descuberto as carencias da nosa Atención Primaria: escaseza de persoal, sobrecarga asistencial, listas de agarda desproporcionadas… Estaban aí antes da pandemia, pero a pandemia agravounas e deixou desamparadas a moitas persoas”, denuncia a concelleira Silvia Cameán. 

En concreto, a falta de atención presencial durante tantos meses pasou factura, e agravou o impacto de doenzas comúns que escapan ao control ao non haber exame médico directo. Como xa dixemos hai meses, non ten sentido que a Sanidade sexa o último ámbito en recuperar a normalidade tras as restricións da pandemia, pero o goberno de Feijóo non fixo nada para solucionalo. Ao revés, seguiu reducindo investimento e pechando centros de saúde. 

Reclamaremos no Pleno o reforzo da Atención Primaria tras a pandemia e a fin dos recortes na sanidade pública