O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía mantivo un encontro con asociacións protectoras e comprometeuse a impulsar unha Cidade Amigable cos Animais e a fomentar a tenza responsable
Xan Xove: “Na Coruña viven máis de 20.000 cans, fai falla un compromiso activo do Concello para mellorar a convivencia entre os animais de compañía e as persoas, os hábitats naturais e a fauna salvaxe”
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía, Xan Xove, acompañado polos números 2 e 3 da súa lista, Beatriz González de Canales e Rodri Gil, e pola voceira municipal, María García, mantivo un encontro con asociacións protectoras de animais da cidade, para escoitar as súas propostas e inquedanzas. Nesta cita, comprometeuse a traballar para que A Coruña conte cunha rede de espazos habilitados para a convivencia, o xogo e o coidado dos animais de compañía.
“Na Coruña viven máis de 20.000 cans, e temos que darlles o seu espazo en áreas de esparcemento, locais amigos e equipamentos municipais, modernizando a ordenanza de benestar animal que Inés Rey non foi capaz aínda de sacar adiante neste mandato”, explicou Xan Xove. Neste sentido, apostou pola creación dunha rede de equipamentos nos que os animais domésticos poidan ter un lugar de encontro responsable. “Na mesma liña, temos que traballar para converter a canceira municipal nun foco de políticas de benestar animal e colaboración cos colectivos cidadáns nun novo modelo”.
Xove cre que “os animais teñen dereito ao benestar e ao bo trato, pero quen se fai cargo dun deles tamén debe asumir os deberes dunha tenza responsable, coidar o animal axeitadamente e procurar unha boa convivencia coa veciñanza coa que comparte o espazo público”. Para iso, é necesario poñer en marcha campañas activas para que mellore a convivencia entre os animais de compañía e as persoas, pero tamén coa conservación dos hábitats naturais e a fauna salvaxe, que tamén teñen o seu sitio na cidade.
Cómpre lembrar que, segundo o Mapa da Biodiversidade elaborado no mandato de Xulio Ferreiro, hai arredor de 3.500 especies animais e vexetais no municipio, sinalando os puntos de maior valor natural. Entre eles salientan, por suposto, as illas de San Pedro e a contorna da Torre. Entre elas, seis especies endémicas que só existen en Galicia, Asturias e o norte de Portugal. É importante coidar a convivencia destas especies cos animais domésticos.
Con Inés Rey, un mandato perdido para o benestar animal
Na mesma liña, o candidato fixo tamén un chamamento a recuperar o modelo de xestión ética das colonias felinas, que se creou co goberno da Marea Atlántica e, en colaboración coas asociacións protectoras, tivo éxito manter en boas condicións as poboacións de gatos rueiros nas que actúan, controlando a súa reprodución. Porén, a colaboración coas protectoras deteriorouse por completo durante o mandato de Inés Rey, “un mandato perdido para as políticas de benestar animal, no que nin sequera continuaron as medidas iniciadas por Xulio Ferreiro, como a colaboración coas asociacións protectoras ou a loita contra o maltrato e o abandono de animais”, valora María García tras o encontro.
A nosa voceira salientou a “decepción” pola falta de interese do PSOE neste ámbito, “que en catro anos nin sequera foi quen de adaptar a normativa de benestar animal á nova lei autonómica. Terá que facelo a partir de maio un goberno no que a Marea Atlántica estea de volta, aproveitando tamén as posibilidades da nova Lei de Benestar Animal do Estado”.