Saltar ao contido

Este martes, 12 de marzo, debaterase unha proposta de acordo na que se fai un chamamento a manter a unidade do noso espazo político

A Marea Atlántica debaterá o vindeiro martes, 12 de marzo, na súa Rede, a posición política da organización de cara ás eleccións xerais de abril e as europeas de maio. Nesta asemblea, procurarase un novo chamamento a manter a unidade do noso espazo político e tomarase unha decisión para o suposto de que os axentes que se sumaron á confluencia en 2014 concorran a estes comicios divididos en varias candidaturas.

A petición da Coordinadora, o Grupo de Relacións Políticas da Marea Atlántica elaborou unha proposta de acordo que será levada á Rede para ser debatida e, no seu caso, aprobada. Neste texto lémbrase que “con xenerosidade e altura de miras”, fomos quen de construír proxectos municipalistas como a Marea Atlántica, “que acadaría nas eleccións municipais de maio de 2015 unha vitoria sen precedentes para a xente común da Coruña”.

Por iso, tal e como fixo Xulio Ferreiro o pasado 18 de febreiro, proponse que a Marea Atlántica faga un chamamento ao realismo, a abandonar as posicións de máximos e concorrer xuntas ás vindeiras citas electorais. Porque “a fragmentación suporía un paso atrás na sempre difícil forxa da unidade e colocaría os únicos gobernos que fomos quen de arrebatarlle á dereita, entre eles o da Coruña, nunha situación indesexada”.

A próxima Rede decidirá a nosa posición nas eleccións xerais e europeas